Skip to main content

Os retos de investigar a comunicación, a análise na inauguración do Congreso Internacional Fundacional da AE-IC

O encontro terá lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación dende o 30 de xaneiro ata o 1 de febreiro

Os retos científicos e os compromisos sociais de investigar a comunicación é a cuestión a tratar na conferencia do profesor da Universidade Autónoma Metropolitana de México, Néstor García Canclini, logo da sesión inaugural do Congreso Internacional Fundacional da Asociación Española de Investigación da Comunicación (AE-IC) que terá lugar este mércores 30 ás 9:00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.
Ao acto de apertura do encontro, que se celebrará ata o 1 de febreiro, asisten o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño; o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco; e de Cultura, Ánxela Bugallo; o reitor da USC, Senén Barro; o alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo; o presidente da Comisión Xestora da AE-IC, Miquel de Moragas; e a presidenta da Comisión Organizadora da mesma asociación, Margarita Ledo.
A xornada continuará ás 11:00 horas cun debate sobre democracia e cidadanía no que participarán os profesores da Universidade da Svizzera Italiana, de California e da Pompeu Fabra de Barcelona, Giuseppe Richeri, Daniel Hallin e Josep Gifreu i Pinsachs, respectivamente.
As políticas de comunicación e cultura será o eixo temático da seguinte charla na que participarán o profesor da Universidade de Glasgow, Philip Schlesinger, e o asesor da Consellaría de Cultura do Goberno Vasco, o profesor Ramón Zallo. A reunión modéraa o docente da Universidade Complutense de Madrid, Enrique Bustamante Ramírez.

The contents of this page were updated on 01.29.2008.