Skip to main content

O CACTUS de Lugo acolle unha xornada entre empresarios e investigadores para fomentar a colaboración en I+D+i

A USC celebra este mércores 2 unha xornada informativa co título ‘Dinamización da I+D+i entre empresas e investigadores do Campus de Lugo’ co obxecto de fomentar a súa relación, dar a coñecer as axudas e subvencións da Consellería de Innovación para o ano 2008 e aclarar dúbidas sobre a colaboración entre os grupos de traballo da USC e as empresas para presentar proxectos innovadores.
A xornada terá lugar na Sala de Reunións do edificio CACTUS a partir das 11:00 horas e nela está prevista a participación de máis de 20 empresarios ademais dun nutrido grupo de investigadores.
O vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Agustín Merino, presentará esta xornada, na que intervirá en primeiro lugar o presidente da AGESTIC, José María López Bourio, para falar da Revista Dixital de Innovación e o Manual da Guía de Innovación editado polo organismo que preside.
A xornada continuará coa intervención da subdirectora xeral de Xestión do PGIDIT da Consellaría de Innovación, Xulia Guntín Araujo, que exporá as liñas de axudas e subvención en materia de I+D+i. A responsable da Área de Innovación da Consultora Serviguide, Natalia Nogueira López, rematará as intervencións falando dos apoios cos que poden contar as empresas para lograr unha xestión eficaz á hora de solicitar axudas e subvencións.

The contents of this page were updated on 04.01.2008.