Skip to main content

Máis de cincocentos expertos en comunicación debaterán na USC sobre o futuro dos medios e da información

O I Congreso da Asociación Española de Investigación da Comunicación terá lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación a partir do 30 de xaneiro

Co fin de debater sobre medios e información, máis de cincocentos expertos chegados de 25 países distintos participan no Congreso Fundacional da Asociación Española de Investigación da Comunicación que se celebrará na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC dende o 30 de xaneiro ata o 1 de febreiro.
No transcurso da presentación do encontro, que se celebrou este martes 15 no mesmo centro, a catedrática da Universidade de Santiago, Margarita Ledo, mostrouse satisfeita pola acollida deste evento entre a comunidade universitaria de diferentes lugares. Ademais, sinalou a importancia deste congreso como centro de reflexión e tamén como berce desta nova asociación que agarda ser un referente internacional como lugar de intercambio científico.
Deste xeito, segundo manifestou o presidente da Comisión Xestora da Asociación Española de Investigación da Comunicación (AE-IC), esta organización ten como obxectivos principais potenciar a investigación na área da comunicación, facilitar a cooperación e crear redes de intercambio de información entre investigadores, establecendo unha política de cooperación con asociacións internacionais de estudo.
Temas do congresoO futuro do xornalismo ante a chegada das tecnoloxías da comunicación e da información, a supervivencia das identidades culturais na rede ou o futuro da prensa local son algunhas das cuestións que se debaterán neste congreso ao que asistirán expertos como o profesor da Universidade Autónoma Metropolitana de México, Néstor García Canclini, ou a profesora da Universidade de Lima, Teresa Quiroz, entre outros representantes de América Latina.
Do eido europeo, destacan investigadores como a profesora da universidade británica de Kent, Elisabeth Cowie; o profesor da universidade finlandesa de Tampere, Tapio Varis; ou a blogger Regine Debatty. Tamén participarán no encontro Margarita Lego; o catedrático da Universidade Autónoma de Barcelona, Miquel de Moragas; e o creador da campaña publicitaria “Vivamos como galegos”, Miguel Conde.

The contents of this page were updated on 01.15.2008.