O catedrático da USC José A. Gómez Segade inaugura este xoves o ciclo Palestras Maxistrais
O catedrático de Dereito Mercantil da USC José A. Gómez Segade inaugurará este xoves 10 o Ciclo Palestras Maxistrais coa conferencia ‘Quo vadis ius mercatorum? (Especial atención aos camiños da propiedade intelectual)’. O ciclo está promovido polo Consello da Cultura Galega, a Dirección Xeral de I+D+i e as tres universidades galegas co obxectivo de que grandes expertos do sistema científico e universitario galego compartan a súa visión da evolución cultural e científica de Galicia dende cadansúa disciplina. A intervención do profesor Gómez Segade desenvolverase a partir das 17:00 horas no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega. Estas tribunas permitirán periodicamente a presenza de destacados persoeiros que exporán os seus puntos de vista científicos vinculándoos coa tradición cultural galega e co futuro da comunidade.
José Antonio Gómez Segade, nado en Monterrei (Ourense) en 1943, licenciouse e doutorouse en Dereito na USC en 1966 e 1970, respectivamente, con Premio Extraordinario nas dúas ocasións. Logo de ser catedrático dende 1975 nas Universidades de San Sebastián e Valencia, en 1981 conseguiu por traslado a Cátedra de Dereito Mercantil na Universidade de Santiago, onde imparte clases na actualidade.
No eido da xestión, o profesor Gómez Segade foi secretario e decano de Dereito na USC, vicerreitor e director de Departamento nas universidades de Valencia e Santiago e director do Instituto de Dereito Industrial da USC. No ámbito internacional, entre outras institucións, é membro do Consello Científico da Oficina Europea de Patentes en Munich, do Consello Científico das denominacións de orixe da Unión Europea, ou do Conselho Consultivo da Universidade do Minho en Braga.
Conferenciante en numerosas universidades e institucións comerciais de todo o mundo, membro do consello científico de prestixiosas publicacións españolas e estranxeiras, presidente de xurados de teses e concursos de profesores en España, Portugal e Francia, ten recoñecida a máxima avaliación docente e investigadora establecida en España. A estes méritos hai que engadir un amplo labor na edición de publicacións de monografías e artigos e unha importante cantidade de teses doutorais dirixidas, ademais do Premio de Investigación da Xunta de Galicia en 2002.