Unha mostra en Ciencias da Comunicación recolle as principais portadas de diferentes medios de comunicación impresos editados en España entre 1965 e 2005
A Facultade de Ciencias da Comunicación inaugurou este martes, día 8, a exposición ’40 anos de prensa en España (1965-2005)’ doada pola Oficina de Justificación de la Difusión (OJD) ao centro compostelán. A mostra recolle as principais portadas de diferentes medios de comunicación impresos editados en España durante este período.
Ao acto inaugural asistiron o decano da Facultade, Miguel Túñez; o secretario xeral de Comunicación da Xunta da Galicia, Fernando Salgado; o director xeral de OJD, Eusebio Serrano; e o presidente de OJD, Ángel Durández.
A mostra ofrece os fitos máis relevantes para a comunidade galega durante os últimos 40 anos recollidos tamén en portadas de medios de comunicación impresos de Galicia. Deste xeito, ao longo de 21 portadas se realiza un recorrido pola historia galega no eido político, económico e social dos últimos anos. No acto de inauguración, estiveron presentes tamén membros do equipo decanal do centro así como directores de medios de comunicación de Galicia e alumnos e profesores da facultade de Ciencias da Comunicación.