Skip to main content

O hospital universitario Rof Codina amplía o servizo de urxencias con tres veterinarios máis

Estes profesionais estarán no centro durante un ano para ampliar a súa formación

Tres novos veterinarios incorporáronse ao servizo de urxencias do Hospital Clínico Veterinario Rof Codina este mes para reforzar a atención profesional no horario de 21:00 a 8:00 horas deste centro. Esta nova medida ponse en marcha gracias a un convenio firmado con Caixanova, que se encarga do financiamento destes novos traballadores.
Estes especialistas contan coa venia docendi, outorgada pola Universidade, están colexiados e xa teñen rematado o seu período de internado polo que a súa responsabilidade cínguese ao servizo de atención continuada nocturno.
Esta ampliación do cadro de persoal estréase no 2008 cunha duración dun ano sen posibilidade de renovación e a súa función é o fomento do emprego no sector ofrecendo unha formación con máis garantías de éxito para entrar no mercado laboral unha vez rematado este período.
Coa incorporación destes novos veterinarios, o servizo de urxencias contará cun facultativo de garda como ata o de agora, un destes veterinarios e os habituais alumnos, que están realizando prácticas académicas ou estancias, co que estará totalmente reforzado. As fins de semana estará suplementado tamén cos internos e un ou dous alumnos.
Nesta primeira convocatoria, os tres veterinarios foron escollidos mediante un proceso de selección tras unha convocatoria pública na que só se presentaron candidaturas de estudantes en Lugo. De todos os xeitos, a intención do Hospital e de Caixanova é continuar con este tipo de contratos subvencionados con fondos da entidade bancaria en próximos anos e abrir a convocatoria a titulados noutras facultades co único requisito de que o centro de procedencia teña a homologación da Unión Europea, como ten Lugo.
De cara ao futuro, a intención final é cambiar o método de contrato de bolsas desta primeira convocatoria a contratos laborais.

The contents of this page were updated on 01.15.2008.