Concello de Lugo e USC celebrarán no CEI o día 21 de febreiro o II Maratón Empresarial Universitario
Por segundo ano consecutivo, o Centro de Empresas e Innovación acollerá o día 21 de febreiro o Maratón Empresarial Universitario Campus Enterprise, organizado pola Concellaría de Economía e Emprego do Concello de Lugo e a USC, a través da Vicerreitoría de Investigación e de Proxección Exterior do Campus de Lugo.
Trátase dun concurso por equipos integrados por alumnas e alumnos universitarios do último ou penúltimo curso da súa carreira. O obxectivo do mesmo é realizar unha simulación de xestión empresarial a través dun programa informático na que, competindo entre equipos de tres ou catro membros, os participantes poderán testar a súa capacidade para xestionar o funcionamento global dunha empresa.
Na edición do ano pasado o programa tivo moito éxito entre os 26 participantes, que lle concederon ao maratón unha nota dun 8´28. Ademais, recibiron moitas suxestións que serviron para realizar cambios na edición deste ano.
Entre as novidades desta edición, destaca que os equipos xogarán unha primeira fase na que se fará unha clasificación por volume de beneficios acumulados e os oito mellores equipos pasarán á segunda fase, da que sairá o equipo vencedor. Todos os participantes na primeira fase terán dereito a un crédito de libre configuración concedido pola USC e outro máis se xogan na segunda. O equipo gañador obterá como premio unha viaxe a Londres que poderá gozar durante este ano.
Os interesados poderán inscribirse a través da páxina web do CEI: http://cei.lugo.es ou do Rexistro Xeral do Concello, na Ronda da Muralla nº179, ata o 31 de xaneiro de 2008. A cota de inscrición será de 20 euros por persoa.