Skip to main content

Os alumnos das licenciaturas en Farmacia, Comunicación Audiovisual e Pedagoxía celebran este sábado os seus respectivos actos de graduación

Os alumnos dos últimos cursos das licenciaturas de Farmacia, Comunicación Audiovisual e Pedagoxía, que este ano rematan os seus estudos universitarios, celebrarán este sábado, día 24, os seus respectivos acto de graduación.
Os estudantes da promoción 2003-2008 da Licenciatura en Farmacia celebrarán a súa graduación cun acto no Salón de Actos da Facultade de Dereito que está previsto que dea comezo ás 18:45 horas, logo da celebración dunha misa na Capela da Universidade.
Presidida pola vicerreitora de Investigación e Innovación, Mª José Alonso, a sesión comezará coa intervención dos representantes dos colexios oficiais de Farmacéuticos de Galicia, aos que lle seguirá o decano do centro, Juan José Torres Lavandeira. Deseguido, entregaranse as placas conmemorativas aos farmacéuticos titores das prácticas e os diplomas de Premios Extraordinarios de Licenciatura. A sesión proseguirá co xuramento hipocrático dos alumnos e a intervención dun grupo de representantes da promoción. Logo da entrega de insignias aos novos licenciados, a vicerreitora María José Alonso clausurará a xornada.
Comunicación AudiovisualO acto de graduación dos novos licenciados en Comunicación Audiovisual celebrarase a partir das 18:00 horas no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación presidido pola vicerreitora de Calidade e Planificación María Dolores Álvarez Pérez.
Abrirán a quenda de intervencións o vicedecano da Facultade, Fernando Ramos ao que lle seguirán os padriños da promoción, o profesor Enrique Castelló e o director xeral de Televisión e Animación en Filmax Entertainment Xosé L. Barreira, para rematar con Diego Pernas e Fátima Dapena, en representación do alumnado. Ao longo de todo o acto, que rematará coa entrega dun diploma conmemorativo, proxectaranse diversos traballos realizados polos alumnos na súa estadía na Facultade compostelá.
PedagoxíaPola súa banda, os alumnos da promoción 2004-2008 da Licenciatura en Pedagoxía celebrarán a súa graduación nunha sesión prevista para as 18:00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.
No acto, que estará presidido polo vicedecanos da Facultade de Ciencias da Educación, Elena Fernández Rey e Jesús Rodríguez, actuarán como padriños a profesora Mar Lorenzo e o profesor Antonio Rodríguez Martínez. Ademais, no transcurso da xornada farase entrega dun diploma conmemorativo da graduación.

The contents of this page were updated on 05.23.2008.