Skip to main content

Rematan as xornadas de software libre da Aula TIC-Pemes cunha sesión sobre a plataforma eGroupWare

Este venres 16 rematarán as primeiras ‘Xornadas de aplicacións web de software libre para asociacións empresariais’, organizadas en Lugo pola Aula TIC-Pemes da Universidade de Santiago, e que nesta ocasión celebra a súa quinta sesión centrada no traballo en grupo e xestión de proxectos con eGroupWare.
A sesión constará novamente dunha conferencia de 45 minutos dirixida a directivos e xerentes de asociacións empresariais e dun obradoiro de dúas horas de introducción no uso da plataforma web de traballo en grupo, xestión de proxectos e contidos dirixido aos informáticos e persoal de administración das asociacións.
A conferencia corresponderalle ao profesor da Universidade da Coruña Marcos Vizcaíno González, que exporá as múltiples funcionalidades da plataforma eGroupWare, de gran utilidade para a xestión da intelixencia colectiva e do coñecemento, actividades, contactos ou eventos.
A xornada desenvolverase de 17:00 a 20:00 horas na Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo. A conferencia será na Aula 3 e a práctica na aula de informática número 1.
Con esta sesión finalizan estas primeiras xornadas, destinadas a analizar un conxunto de plataformas web de software libre, dunha gran utilidade para unha asociación empresarial, público obxectivo ás que foron dirixidas.

The contents of this page were updated on 05.14.2008.