Skip to main content

O congreso 'A pegada da violencia de xénero' tentará propiciar a reflexión sobre a amplitude deste fenómeno dende un enfoque psicolóxico, xurídico e asistencial

Dende un enfoque psicolóxico, xurídico e asistencial, o congreso ‘A pegada da violencia de xénero’ tentará propiciar a reflexión sobre a amplitude deste fenómeno e o debate multidisciplinar sobre as súas consecuencias. O encontro, que se inscribe nas actividades impulsadas polo Seminario Mulleres e Universidade da USC (SMU), celebrarase entre os días 1 e 4 de decembro no Salón de Graos da Facultade de Dereito.
Máis aló da descrición do fenómeno da violencia contras as mulleres, este congreso quere chegar a un exame das súas formas, causas e consecuencias. Así, as intervencións programadas prestarán especial atención ás actitudes, valores e estereotipos que acompañan este forma de violencia, indagando sobre a discriminación da muller, o reparto de roles entre muller e home e a súa percepción social.
As xornadas diríxense de xeito particular aos profesionais relacionados coa violencia de xénero pero tamén está aberto a persoas interesadas, en xeral. Deste xeito, preténdese atraer o interese da comunidade universitaria para fomentar a súa sensibilización cara á violencia de xénero, desde unha perspectiva persoal pero tamén como futuros profesionais.
Os estudantes que se matriculen no congreso poderán validar a súa asistencia por un crédito de libre configuración, condicionado ao seguimento do 80 por cento das sesións e á presentación dun traballo.

The contents of this page were updated on 11.25.2008.