O Proxecto e-Hospital, premiado en Austria polo seu potencial innovador na educación para adultos
O proxecto europeo e-Hospital, no que participan o grupo de investigación en Tecnoloxía Educativa da USC e o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), acaba de ser galardoado co máis prestixioso premio para a educación de adultos que concede o Ministerio de Educación, Ciencia e Cultura de Austria. O xurado considerou e-Hospital como a iniciativa con maior potencial innovador de entre 66 propostas presentadas ao galardón.
O proxecto ten por obxecto ofrecer formación continua mediante e-learning a doentes adultos hospitalizados durante períodos longos de tempo. Participaron no traballo oito institucións de seis países europeos, coa coordinación da institución austríaca Die Berater, sendo a USC e o Cesga os únicos representantes do estado español. As experiencias formativas, cuxo deseño metodolóxico e contidos corresponde ao grupo de investigación da USC, leváronse a cabo no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
Difusión dos resultadosAs conclusións de e-Hospital presentáronse o pasado mes de setembro na súa Conferencia Final, na cidade austríaca de Krems, na que se debateron os resultados e as potencialidades deste tipo de formación en hospitais. Desas conclusións saíron dúas publicacións, a edición resumida E-learning para doentes adultos hospitalizados. Experiencias-Retos-Recomendacións, dispoñible en cinco idiomas, e E-Hospital: Experiencias con actividades de e-learning para pacientes, máis ampla e editada en inglés e, en breve, en español.