O Instituto de Medicina Legal da Universidade de Santiago estudará o material xenético dos restos humanos que se atopen nas foxas da Guerra Civil
Ánxela Bugallo anunciou hoxe que a Consellaría de Cultura e Deporte asume a coordinación das tarefas de localizar e identificar os restos humanos das persoas desaparecidas pola represión franquista durante a Guerra Civil e das que se ignora o seu paradoiro. Cultura coordinará os traballos de apertura das foxas a petición dos descendentes das vítimas ou das entidades que os representan, mentres que o Instituto de Medicina Legal da USC estudará o material xenético dos restos humanos para a súa identificación e o Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) realizará os estudos antropolóxico-forenses.
A apertura de foxas realizarase por equipos profesionais de arqueólogos, con métodos científicos e respectando os procedementos arqueolóxicos marcados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. O equipo interdisciplinar do proxecto "As vítimas, os nomes, as voces, os lugares", formado por investigadores das tres universidades galegas co financiamento da Consellaría de Cultura, elaborou unha listaxe de foxas en Galiza. A relación elévase na actualidade a 26 foxas, espalladas por toda a xeografía galega. Este equipo asesorará á Consellaría sobre todas as propostas de exhumación que sexan recibidas neste departamento.
Análise do material xenéticoNa presentación desta actuación, a conselleira estivo acompañada polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro, o director do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), Benito López de Abajo, e a secretaria do Instituto de Medicina Legal da USC, Victoria Lareu.
Estes dous organismos serán os encargados da xestión das identificacións dos restos exhumados mediante o estudo antropolóxico-forense e de estudar o material xenético localizado de cara á identificación dos restos humanos.