Os premios do III Concurso 'Comunicándomos' decídense este luns entre catro traballos presentados
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo decidirá este luns o spot premiado entre os traballos presentados ao III Concurso ‘Comunicándomos’. O acto terá lugar na Aula Magna da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo, ás 12:30 horas.
Os candidatos nesta edición preséntase baixo os nomes de 'Lucus Cars', 'Lince', 'Déixate levar', e 'Daishimo'. O proxecto gañador deberá consistir no deseño dunha mensaxe publicitaria sobre ideas, sobre produtos ou servizos tanxibles e intanxibles, así como sobre empresas ou institucións, todos eles reais ou ficticios. O xurado valorará a capacidade expresiva, a efectividade e a orixinalidade do lema; a adecuación entre lema, soporte e obxecto do traballo; e a globalidade da campaña publicitaria.
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Administración e Dirección de Empresas busca con este premio “espertar a vea artística e a creatividade dos membros da comunidade universitaria nunha actividade, a creación publicitaria, en que deben deixar bulir as ideas, poñer en práctica os coñecementos adquiridos ao longo da súa vida persoal, académica, profesional, e transmitilas en forma de mensaxe publicitaria. E que o poidan facer integrando o galego de xeito natural nunha estratexia publicitaria, demostrando o coñecemento que os universitarios e as universitarias posúen das potencialidades da lingua galega para chegar ao corazón”.Os premios serán de 500, 400 e 300 euros para o primeiro, segundo e terceiro premio. No caso de que o xurado considere que ningún dos traballos presentados acada un nivel axeitado poderanse declarar os premios desertos. Tamén existe a posibilidade de outorgar os premios a varios traballos ex aequo; neste caso o importe repartirase a partes iguais.
XuradoA mesa do xurado estará formada polo vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; Alejandro Vázquez Fernández, profesor de Comunicación Audiovisual da USC e Responsable de creatividade de ‘Eslanuestra’; o decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas, José A. Díez de Castro; Xusto Rodríguez Río, do Servizo de Normalización Lingüística da USC; e Isabel Neira, Presidenta da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Administración e Dirección de Empresas.
Amais da entrega de premios, o acto completarase coa intervención do membro do Xurado Alejandro Vázquez Fernández, profesor do Dpto. de Comunicación Audiovisual da USC, que falará sobre ‘A liberdade de crear’.