Skip to main content

Expertos analizan no CEA o estado de conservación da rede Natura 2000 en Galicia

A xornada de traballo desenvólvese no Centro de Estudos Avanzados
A xornada de traballo desenvólvese no Centro de Estudos Avanzados

Expertos universitarios, institucións públicas, asociacións ecoloxistas e representantes do ámbito empresarial debateron este xoves sobre o estado de conservación da Rede Natura 2000 en Galicia, nunha xornada de traballo no Centro de Estudos Avanzados.
Comezou a sesión co profesor do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola Xosé Luis Otero, para dar paso ao catedrático da USC e presidente da Sociedade Española de Ciencia do Solo, Felipe Macías, cunha conferencia sobre a importancia dos solos na distribución e cartografía dos hábitats, e a outra sobre as limitacións á obra civil nos espazos da Rede Natura a cargo de Patricio Aguilar, da empresa Consulting e Enxeñaría Internacional S.A.
A xornada da mañá completouse coas intervencións do director xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, José Benito Reza; o xefe da Demarcación de Costas de Galicia, Rafael Eimil; e o profesor da USC Antonio Martínez Cortizas. Nos seus relatorios analizaron a situación actual, as actuacións de recuperación ambiental nos espazos litorais galegos e os ecosistemas de turbeiras da rede Natura 2000.
Pola tarde a sesión comeza con diversas intervencións acerca da importancia da Rede na protección da flora e vexetación galega, da avifauna e das poboacións de anfibios e réptiles. Participan os profesores da USC Jesús Izco e Jesús Domínguez e da Coruña, Pedro Galán.
Rematará o encontro co relatorio de Xosé Luis Castro, da Federación Ecoloxista Galega, sobre a xestión ambiental nos espazos da Rede Natura 2000 e cunha mesa redonda, ás 18:00 horas, sobre as oportunidades, riscos e desafíos na xestión dos valores naturais dos espazos da rede.

The contents of this page were updated on 11.12.2008.