Universitarios e empresas na procura de empregados danse cita no II Foro de Emprego da USC
O II Foro de Emprego da USC abriu as súas portas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago onde permanecerá este martes 11 e o mércores 12 para xa o xoves 13 desprazarse ata a Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo. Trátase dunha iniciativa organizada conxuntamente polas vicerreitorías de Comunidade Universitaria e Compromiso Social e de Coordinación do Campus de Lugo, a través dos seus Servizos de Apoio ao Emprendemento e ao Emprego (SAEE).
A inauguración oficial do Foro celebrouse este martes coa presenza do vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayan Santos; o concelleiro de Promoción Económica de Santiago, Xosé Manuel Iglesias; e o xefe do Servizo de Apoio e Orientación da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do SUG, José Luis Villar.
Con esta iniciativa, a USC pretende afianzar un punto de encontro entre universitarios que buscan o seu primeiro emprego e empresas que desexan incorporar aos mellores profesionais, creando deste xeito mecanismos que melloren a súa empregabilidade. Actualmente, xa teñen confirmada a súa presenza preto de trinta empresas e institucións entre as que se atopan Alcoa, Banco Pastor, Banesto, Caixanova, Coremain, Coritel, DECATHLON, Deloitte, Garrigues, Inycom, Kiabi, Management Solutions, PricewaterhouseCoopers, TRAGSA. Concretamente, Deloitte ou Garrigues teñen previsto no transcurso do Foro e en días posteriores realizar captación de candidatos e desenvolver procesos de selección.
As empresas terán no foro os seus propios stands aos que os universitarios poderán achegarse cos seus currículos e coñecer de primeira man como son os procesos de selección, tendo así unha grande oportunidade de coñecer de primeira man o que as diversas firmas buscan nos candidatos. Paralelamente desenvolveranse presentacións de distintas empresas e entidades participantes.
A maiores destas sociedades, tamén terán presenza outras entidades como FEUGA, o IGAPE ou a Fundación Universidad-Empresa (FUE), que se suman a Dirección Xeral de Promoción de Emprego da Consellería de Traballo, a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) o INLUDES e a empresa DIGAMEL. Ademais, participarán en calidade de entidades patrocinadoras Caixa Galicia, a Consellaría de Educación e o Concello de Lugo e como promotoras a Consellaría de Traballo, o Concello de Santiago, Everis e Tecnocom.
Na súa anterior edición, participaron nesta cita ao redor de 40 entidades e empresas expositoras cunha ampla resposta por parte dos universitarios. O seu éxito e boa acollida motivou á Universidade compostelá a repetir a experiencia neste ano.
Formación para a EmpregabilidadeEste foro é unha actividade incluída no Programa de Formación para a Empregabilidade que se vai desenvolver no mes de novembro na USC e que está dirixida a estudantes de últimos cursos e recén titulados. Dentro deste mesmo programa desenvolveranse tamén as xornadas ‘Alternativas Profesionais ao Remate da Carreira’, a celebrar entre os días 18 e 20 de novembro simultaneamente nos dous campus. Os alumnos dos últimos cursos de todas as titulacións que se inscriban poderán validar a súa asistencia ao programa do Foro cun crédito de libre configuración.
Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á Área de Orientación Laboral no teléfono 981 563 100, extensións 12850 / 12851, no enderezo de correo electrónico forodeemprego [at] usc.es (forodeemprego[at]usc[dot]es) ou a través da páxina web http://www.forodeempregousc.com.