Skip to main content

A Cátedra Jaime Vera da USC convida á comunidade universitaria a participar no I Concurso de Accións Sostibles de Emprendemento Social

A Cátedra Jaime Vera de Emprendemento Social da USC convoca a primeira edición dun concurso que, baixo o lema ‘Triúnfa ti e gaña o emprendemento social’, pretende premiar ás persoas que desde os campus de Lugo e Santiago presenten accións sostibles no tempo, que promovan emprendemento con proxección no ámbito social e que supoñan transferencia ou xeración de coñecemento.
Dirixido a todos os membros da comunidade universitaria -estudantes, profesores, investigadores e persoal de administración e servizos–, na actualidade ou no pasado, o Concurso de Accións Sostibles de Emprendemento Social (Ases) presenta tres premios de 3.000, 2.000 e 1.000 euros. As persoas interesadas deberán presentar a acción en só folio e medio, que pode ser asinada individualmente ou en grupo, antes do 8 de xaneiro do 2009.
Ademais, para fornecer as accións gañadoras no mes de marzo desenvolverase un Taller en rede de emprendemento social (TRES) no que as persoas gañadoras do Concurso ASES, xunto con representantes do ámbito social e do mecenado, concretarán proxectos colectivos que permitan facer realidade as súas accións e contribuír así ao Emprendemento Responsable co que está comprometida a USC.
O xuradoO xurado que decidirá os gañadores estará composto por representantes da Fundación Jaime Vera e da Cátedra da USC, do Consello Social da USC, dos Concellos de Santiago e Lugo, e das Vicerreitorías de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, de Investigación e Innovación, de Coordinación do Campus de Lugo e de Relacións Institucionais.
Todos eles valorarán de forma preferente a viabilidade da acción proposta, a súa sostibilidade no tempo, o carácter innovador, o coñecemento a transferir ou a xerar e o ámbito social no que se proxectará.
A Cátedra Jaime Vera da USCFomentar a docencia, a investigación e a difusión do coñecemento no ámbito do emprendemento social é a principal finalidade da Cátedra Jaime Vera que se constituíu na USC en xaneiro deste ano.
As súas actividades diríxense a facilitar o intercambio de experiencias investigadoras entre a USC e a Fundación Jaime Vera; colaborar en actividades docentes e alentar a realización de investigacións relacionadas co emprendemento social; e fomentar a cooperación entre a USC, a Comunidade Autónoma galega, as distintas Administracións Publicas de España, a Unión Europea e o ámbito empresarial.

The contents of this page were updated on 11.13.2008.