Skip to main content

Dez empresas transmiten a súa política empresarial aos estudantes no Campus de Lugo

O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo no Foro de Emprego en Administración de Empresas (Lugo) acompañado do decano da Facultade
O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo no Foro de Emprego en Administración de Empresas (Lugo) acompañado do decano da Facultade
O Foro de Emprego reuniu a 120 inscritos en Lugo

Dez empresas galegas estiveron presentes no Foro de Emprego que se desenvolveu este xoves 13 nas instalacións da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo, para informar sobre a súa política de empresa e recursos humanos.
Caixa Galicia, o Concello de Lugo, a Consellería de Traballo, Feuga, Igape, Tragsa, Alcoa, Accenture Sap Solutions, a Dirección Xeral de Calidade do SUG e a propia USC, tiñan representación neste foro, no que se inscribiron 120 interesados para a xornada en Lugo, co fin de orientar e asesorar aos estudantes na procura de información sobre emprego.
Empresas como Tragsa ou Alcoa manifestaron expresamente a súa vontade de participar no foro no campus de Lugo para captar titulados e estudantes de formación en enxeñería e tecnoloxía agraria e química.
Ingapan, Cofrico e Aresa, foron as entidades invitadas pola USC, por seren empresas xeradoras de emprego en Lugo, para a realización dunha mesa redonda que se celebrou pola tarde.
Os estudantes do Campus de Lugo nos últimos anos de carreira e os acabados de licenciar achegáronse aos diferentes expositores para interesarse polo que as diferentes empresas buscan nos seus empregados. As cuestións máis repetidas xiraban en torno á elaboración do currículo. Como presentalo, onde depositalos, como enfrontarse a unha entrevista persoal.
A Consellería de Traballo e máis a USC puxeron á disposición dos visitantes unha gran cantidade de manuais sobre os procesos de selección, a busca de emprego, o mercado laboral e algúns enderezos de interese.
Con esta iniciativa, a USC pretende ofrecer aos estudantes a posibilidade intercambiar impresións e de contactar dun xeito máis directo coas diferentes entidades, permitíndolles coñecer como son os procesos de selección, as entrevistas de traballo e que perfís buscan as empresas.
Como anexo a este foro de emprego, a semana que vén presentaranse, simultaneamente en Santiago e en Lugo unhas xornadas de empregabilidade, orientadas ao asesoramento sobre as diferentes alternativas entre as que pode optar un titulado ao rematar a súa carreira.
O Foro está organizado conxuntamente polas vicerreitorías de Comunidade Universitaria e Compromiso Social e de Coordinación do Campus de Lugo, a través dos seus Servizos de Apoio ao Emprendemento e ao Emprego (SAEE).

The contents of this page were updated on 11.13.2008.