Skip to main content

A USC incrementa neste curso o número total de matriculados en medio milleiro de estudantes

Oito de cada dez alumnos xa formalizan a súa matrícula por internet

A Universidade de Santiago de Compostela incrementa neste curso académico o seu número total de alumnos con respecto ao pasado ano por primeira vez na década, “rachando cunha tendencia común no norte do país de descenso no número de matriculados”, indicou o reitor compostelán Senén Barro nun encontro cos medios de comunicación no que deu conta dos datos de matrícula na USC no presente curso.
A día 5 deste mes de novembro a cifra ascendía a 28.844, mentres que na mesma data do ano anterior era de 28.309. Deste total, 5.317 cursan estudos no Campus de Lugo e 23.623 no de Compostela. Continuando coa tendencia de anos anteriores, a porcentaxe de mulleres segue a ser superior, co 64,8 por cento (18.684) das matriculas. Estes datos indican que coas incorporacións que se produzan ao longo do curso (traslados de expedientes, matrícula por convenios Erasmus, Sicue,...) o número total ascenderá por riba dos 30.000 estudantes.
Na presentación, o reitor estivo acompañado polo vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Pló; a secretaria xeral, Isabel Garcia-Rodeja; e o vicexerente de Xestión Académica, Francisco Colomer.
Os esforzos realizados por incorporar as novas tecnoloxías a esta parte da xestión universitaria afiánzanse, xa que oito de cada dez alumnos (23.530) formalizaron o trámite de ingreso aos estudos superiores utilizando Internet, mentres que o ano pasado elixiron esta opción 13.693.
Os alumnos matriculados en 1º durante este curso ascenderon a 5.222, mentres que o pasado ano nas mesmas datas as cifras situábanse en 4.631. As provincias que máis destes alumnos proporcionan son as da Coruña (1.787) e Pontevedra (1.058), seguidos de Lugo (835) e Ourense (367). Xa de fóra de Galicia, na USC cursan estudos alumnos da maioría das provincias españolas e un 15,2 por cento de sesenta países de todo o mundo, particularmente de Portugal (115), Italia (99), Suíza (84), Brasil (82), Polonia (56), Alemaña (53), Francia (44), México (43) ou Venezuela (41).
Titulacións con límite de prazasTodas as titulacións que a USC ofertaba con límite de prazas cubriron a súa oferta, situándose Medicina, Comunicación Audiovisual, Odontoloxía e Xornalismo entre as de maior nota de corte nas probas de acceso á Universidade. Ademais, e dentro da converxencia co Espazo Europeo de Educación Superior, a USC puxo en marcha este ano dous títulos de grao, en Ciencia Política e da Administración e o de Matemáticas, con 73 e 80 matriculados respectivamente.
SelectividadeDos 310 estudantes que obtiveron unha nota na Selectividade igual ou superior a 9, matriculáronse en titulacións da USC máis da metade, un total de 175, sendo a Facultade de Medicina e Odontoloxía a que máis destes alumnos capta, así como diversos centros de Santiago e Lugo, destacando a Escola Técnica Superior de Enxeñaría, Ciencias da Comunicación, Filoloxía, Enfermaría, Ciencias da Educación, Farmacia, Dereito, Física ou Matemáticas.
Por centrosOs centros con maior número de alumnos, seguindo a tendencia dos últimos anos son os de Ciencias Económicas con practicamente tres mil estudantes, Medicina e Odontoloxía con 2.471, Ciencias da Educación con 2.394, Dereito con 1.856, Escola Politécnica Superior de Lugo con 1.740, Psicoloxía con 1.619, Farmacia con 1.486, Xeografía e Historia con 1.411, Filoloxía con 1.179 e Bioloxía con 1.118.
POPNo apartado dos Programas Oficiais de Posgrao (POP), a USC contabiliza 491 estudantes de primeira matrícula en POP a tempo completo, fronte aos 220 do pasado ano, que é preciso sumar aos 344 que continúan estudos nesta mesma modalidade e aos 18 a tempo parcial.
Terceiro CicloTendencia ascendente tamén é a que se pode observar nos estudos de 3º Ciclo, onde se matricularon por primeira vez 584 estudantes, por 391 do pasado ano, e 773 que continúan os seus estudos, fronte aos 524 do curso 2007-2008. Neste senso, na etapa de tese figuran outros 1.799 alumnos que habería que engadir ás cifras totais de matriculados na USC no presente curso.

The contents of this page were updated on 11.12.2008.