Skip to main content

O observatorio Ramón Aller celebra os cen anos de Tunguska cunha conferencia en Lugo

O acto está enmarcado dentro da Semana da Ciencia da USC

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller conmemora este xoves 19 de novembro os cen anos do denominado ‘Suceso de Tunguska’ coa conferencia ‘O evento de Tunguska un século despois’, que impartirá Manuel Andrade Baliño, profesor da Escola Politécnica e membro do equipo de investigación do Observatorio Astronómico Ramón María Aller.
O acto, que está aberto a todo o público, comezará ás 18:00 horas no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Lugo e versará sobre as investigacións dos últimos anos sobre este estraño acontecemento, para dar a coñecer as explicacións científicas máis actuais deste destacado suceso astronómico.
Despois de cen anos do acontecido na remota Siberia, unha explosión de orixe descoñecida que arrasou una zona de 50 kilómetros de diámetro na localidade de Tunguska, segue a espertar un grande interese no público.
O Observatorio Astronómico Ramón María Aller participa na Semana da Ciencia con diversas actividades para dar nocións de astronomía. A semana da Ciencia está organizada pola USC e financiada por IN.CI.TE.(programa diverciencia), Dirección xeral de I+D+i, Consellería de Industria e Innovación, da Xunta de Galicia.

The contents of this page were updated on 11.18.2008.