Skip to main content

Científicos de relevancia internacional participan na USC nun simposio sobre a incidencia da biotecnoloxía na alimentación

Seis científicos de relevancia internacional reuniranse os días 27 e 28 de novembro con biólogos moleculares, bioquímicos e tecnólogos de alimentos co obxecto de debater sobre posibles vías para a mellora da nutrición e a ciencia dos alimentos a través da aplicación da Biotecnoloxía. Será no transcurso do segundo simposio ‘Biotecnoloxía: novas ferramentas para unha nova era’ que organiza a USC co patrocinio da Fundación Ramón Areces.
En opinión dos organizadores do encontro, a biotecnoloxía aumentará o valor nutricional dos alimentos, pero o seu desenvolvemento completo necesitará da implicación de investigadores de diferentes campos. Deste xeito, o encontro xurde co obxecto de profundar nas potencialidades que ofrece a biotecnoloxía, técnica que xa permitiu a produción de abundantes produtos agrícolas reducindo ao tempo o seu custe.
A biotecnoloxía é un campo que, segundo explican os promotores da xuntanza, prové de “novas e elegantes solucións a unha variedade de desafíos relativos á composición de vexetais comestibles e os animais de consumo humano” o que fai que estes produtos sexan “máis desexables” dende o punto de vista composicional.
Os relatorios xa definidos para o programa docente do encontro propiciarán o debate sobre cómo as estratexias baseadas en nanopartículas poden utilizarse na detección temperá do cancro, qué método usar para a transferencia xénica no gando, o pez cebra como modelo para cancros humanos, a utilización de peixes pequenos de acuario para o desenvolvemento de monitorización do ambiente ou sobre como incrementar o benestar do gando por aumento da súa resistencia á mastite a través da enxeñaría xenética, entre outros temas.

The contents of this page were updated on 11.17.2008.