Trócanse horas de estudo por euros solidarios
A Universidade de Santiago continúa ata o 5 de decembro coa sexta Olimpíada Solidaria de Estudo na que participan de mozos e mozas de doce países do mundo. A iniciativa consiste en incentivar o estudo vinculando as súas horas de esforzo á colaboración con catro accións de desenvolvemento. Exactamente, unha hora de estudo correspóndese con 1 euro solidario.
Nesta ocasión o diñeiro acadado destinarase a un proxecto de capacitación profesional en Guaiaquil (Ecuador); ao equipamento dos obradoiros técnicos das catro escolas ‘Mains Ouvertes’ de Haití; á creación dun instituto para o desenvolvemento da infancia e xuventude rural marxinadas e empoderamento da muller rural en Mehandan (Camerún); e para a implementación dun centro educativo para nenos, nenas e adolescentes en Angola.
Para esta sexta edición, tanto en Santiago como en Lugo habilitáronse varias salas de estudo. En Compostela os universitarios dispoñen das bibliotecas das facultades de Ciencias da Educación, Económicas, Ciencias da Comunicación, Xeografía e Historia, Filosofía, Química, Medicina e Odontoloxía, Matemáticas, Física, Psicoloxía, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría e nas bibliotecas Xeral e Concepción Arenal. En Lugo, habilitáronse aulas na Biblioteca Intercentros, na Facultade de Veterinaria e na Escola de Formación do Profesorado.
A Olimpíada está organizada polas ONGs Fundación Coopera, ACTEC e Cooperación Internacional e con eles colabora o Servizo de Participación e Integración Universitaria da Vicerreitoría de Comunidade Universitaria e Compromiso Social da USC. Baixo o lema ‘A meta é axudar’, nesta campaña o recadado será doado polas empresas e institucións patrocinadoras para os devanditos proxectos.
O mecanismo para facer o cómputo final de horas efectuase mediante a Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI), que é preciso pasar polo ordenador preparado ao efecto cando a persoa entra e sae da sala de estudo.