A Aula TIC-Pemes da USC achegará ás pequenas e medianas empresas e ás asociacións as posibilidades das aplicacións web baseadas en software libre
A Aula TIC-Pemes da USC achegará ás pequenas e medianas empresas e ás asociacións as posibilidades que as aplicacións web baseadas en software libre lle poden ofrecer a estas entidades no desenvolvemento das súas tarefas cotiás. Os asistentes ás dúas sesións programas, este xoves 20 e o próximo día 27 no Centro de Estudos Avanzados en horario de 18:00 a 21:00 horas, son representantes de Pemes e de asociacións de Santiago e da súa comarca.
Baixo o lema ‘As aplicacións web de software libre para Pemes e asociacións’, na xornada os asistentes entrarán contacto con distintas aplicacións xa operativas con grande éxito para a xestión de intranets e teleformación, xestión documental, relacións cos clientes ou asociados e xestión de contidos e portais web.
Outro apartado do programa previsto será a análise de exemplos reais de interese, coñecendo en detalle as potencialidades de cada ferramenta para comprobar as súas capacidades e usabilidade de cara á súa instalación e posta en marcha. De xeito paralelo, exporáselles aos asistentes algunhas das ferramentas de software libre que actualmente están a ser usadas en grandes empresas e multinacionais, universidades ou organismos administrativos nacionais e internacionais.
Cun alto compoñente práctico, as dúas xornadas previstas consistirán en cadansúa conferencia introdutoria que dará paso a demostracións e exemplos das aplicacións tratadas. Na xornada prevista para este xoves 20, trataranse as aplicacións Spip e Moodle, para a xestión de contidos e portais web e para intranets e teleformación, respectivamente.