Skip to main content

Os grupos españois que actualmente traballan no desenvolvemento da terapia con células nai reúnense na Facultade de Medicina da USC

Os vinte e seis grupos de investigación españois que actualmente traballan no estudo das células nai reuniranse este xoves 20 e o venres 21 na Facultade de Medicina no transcurso da Reunión da Rede de Terapia Celular para coñecer o estado actual das investigacións neste eido. O encontro, no que se darán cita máis cen investigadores, inaugurarao o reitor compostelán, Senén Barro, ás 9:15 horas no Salón de Actos da facultade compostelá.
En opinión dos promotores da xuntanza, a terapia con células nai será unha das principais armas da medicina nas próximas décadas, “xa existen datos que fan pensar que esta terapia permitirá facer fronte no futuro a enfermidades con grande incidencia social que non poden curarse actualmente”, apunta o profesor José L. Labandeira. O mesmo investigador engade que a técnica tamén facilitará “a obtención de novos órganos a partir de células do propio doente e polo tanto compatibles para transplantes”.
A Rede de Terapia Celular constitúena na actualidade vinte e seis grupos pertencentes a universidades, hospitais e centros de investigación de todo o estado, dos que unicamente un é galego, o pertencente á USC. Os distintos equipos cubren un grande abano de enfermidades susceptibles de ser abordadas mediante terapia celular.
ProgramaLogo do acto de inauguración, comezará a quenda de intervencións cun relatorio sobre o estado actual das investigacións con células troncais, que moderará o doutor Bedoya, do grupo de investigación do actual ministro Bernat Soria. A competición celular en mamíferos e as súas implicacións na rexeneración, as bases moleculares da especificación de células nai hematopoiéticas definitivas no embrión dos vertebrados ou a xeración de células iPS específicas de pacientes son algúns dos temas que se tratarán nesta primeira sesión.
Para completar o programa da mañá presentaranse a documentación, rexistro e resultados iniciais de ensaios clínicos actualmente en marcha; o Banco nacional de liñas celulares de Valencia (BNLC); a caracterización de células nai adultas ou as particularidades da imaxe fotónica non invasiva en medicina rexenerativa.
A terapia celular en enfermidades cardíacas e vasculares, a rexeneración vascular en isquemia ou o estado actual e perspectivas de futuro desta terapia na reparación e rexeneración miocárdica será algúns dos asuntos que se aborden pola tarde.
O encontro desta rede posta en marcha polo Instituto de Saúde Carlos III está organizado por investigadores dos Laboratorios de Neuroanatomía e Neuroloxía Experimental do Departamento de Ciencias Morfolóxicas.

The contents of this page were updated on 11.19.2008.