Skip to main content

A Cátedra de Empresa Familiar da USC, exemplo de boas prácticas nun congreso en Valencia

Creada en 2005 e dirixida polo profesor José Díez de Castro, do Campus de Lugo

A Cátedra de Empresa Familiar da USC foi seleccionada para expor o seu caso como exemplo de boas prácticas pola capacidade de integración e traballo en equipo coas entidades patrocinadoras e as outras cátedras de empresa familiar das Universidades da Coruña e Vigo, durante o I Congreso Nacional de Cátedras de Empresa que terá lugar en Valencia os días 27 e 28 de novembro.
Dirixida polo profesor José Díez de Castro, e con sede na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, a Cátedra de Empresa Familiar da USC foi creada no ano 2005, en virtude dun convenio de colaboración entre a Universidade e o Instituto da Empresa Familiar, a Asociación Galega da Empresa Familiar, Caixanova e Inditex.
Durante o evento, presentaranse os resultados do proxecto de investigación desenvolvido pola Universitat de València co título Estado actual das cátedras de empresa e as súas perspectivas, no que se analizaron as características, tipoloxías, funcionamento e futuro das 405 cátedras de empresa existentes en España en máis de 60 universidades. Máis de 200 empresas colaboran neste labor coas universidades, encabezadas polo Instituto da Empresa Familiar, que posúe a rede de cátedras universitarias de empresa máis extensa, con case un 9% do total.
As cátedras de empresa convertéronse nos últimos anos nun excelente instrumento que permite mellorar as vías de colaboración entre universidades e empresas. Mediante mecanismos de xestión compartida e de colaboración, as cátedras de empresa convertéronse nunha das mellores vías para estreitar a colaboración universidade-empresa desde a perspectiva da formación e a investigación en diferentes sectores. As cátedras de empresa forman parte das cátedras propias da USC, que están coordinadas polo Vicerreitor de Relacións Institucionais, D. Lourenzo Fernández Prieto.
Máis información: www.adeit.uv.es/congresocatedrasempresa.

The contents of this page were updated on 11.26.2008.