O simposio internacional 'Opus Monasticorum' pon en valor o monacato como punto de referencia fundamental para a comprensión do patrimonio
A terceira edición do simposio internacional ‘Opus Monasticorum’ botou a andar este mércores no Paraninfo da Universidade como iniciativa para a posta en valor do monacato como punto de referencia fundamental para a comprensión do patrimonio. A edición deste ano, que se desenvolve baixo o lema ‘Arquitectura, patrimonio e territorios culturais’, inaugurouna o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenza Fernández Prieto, acompañado do decano do centro, Juan Monterroso; os co-directores do simposio, José Manuel López Vázquez e Antonio Garrido; e o deputado da Deputación da Coruña, José L. García.
O profesor José Manuel García Iglesias pronunciou o primeiro relatorio do encontro, titulado ‘O mosteiro de Samos e a súa vinculación co camiño de peregrinación’. No programa da primeira sesión, as intervencións previstas puxeron de actualidade a arquitectura e a paisaxe nos mosterios da Ribeira Sacra, os bens inmobles conventuais de Canarias a través da documentación da Desamortización ou os mosteiros da Nova España no século XVI.
O Grupo de Innovación Iacobus, formado por profesores do Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago, é o encargado da organización deste encontro no que está prevista a presenza de expertos universitarios procedentes de institucións universitarias de España e Italia.
Segundo os promotores da iniciativa, o monacato constitúe un feito capital da definición identitaria da cultura galega dende a Idade Media, ao operar como órgano regulador dos procesos culturais, artísticos e históricos da comunidade. Esta posición convérteos nun elemento capital de comparación á hora de desenvolver un estudo completo da arte galega, o que explicaría a transcendencia deste encontro internacional.