Skip to main content

Trescentos estudantes de Medicina de España e Portugal reúnense esta semana na Universidade de Santiago

O II CibEMe é o único congreso de alumnos de Medicina exclusivamente ibérico

Arredor de trescentos estudantes universitarios de Medicina de España e Portugal reuniranse na Universidade de Santiago a partir deste mércores e ata o venres 31 no segundo Congreso Ibérico de Estudantes de Medicina (CibEMe). Nel, entre outras actividades, exporán traballos de investigación realizados nos seus respectivos departamentos.
CibEMe, ao que asisten alumnos españois e portugueses de dez universidades da Península, é o único congreso de estudantes de Medicina exclusivamente ibérico que naceu o pasado ano coa finalidade de permitir unha maior cooperación entre as Facultades de Medicina, os centros de investigación e as comunidades científicas de ambos os dous países.
O congreso inaugúrase na Facultade de Medicina este mércores 29 ás 8:45 horas nun acto no que participan o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayan; o director xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria, Germán González Pazó; o decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía, José María Fraga; o director xerente do CHUS, Jesús Caramés; o presidente do comité científico do congreso, José Ramón González-Juanatey; e o presidente do comité organizador, Marcos Magalhães. Logo da apertura, o catedrático de Oftalmoloxía da USC Manuel Salorio, pronunciará a conferencia inaugural ‘Sobre que cosa é ver’.
Xa a partir das 11:00 comezarán os paneis científicos, sendo o primeiro un sobre pezas de reposto en transplantes de células, tecidos e órganos no que participarán expertos das Universidades de Santiago, A Coruña e Porto.
A sesión da tarde iniciarase ás 16:00 horas cunha mesa de debate sobre o estado actual da oncoloxía e as súas perspectivas de futuro, coa presenza de especialistas do CHUS e do Hospital madrileño da Paz.
Espírito de melloraA pretensión dos organizadores, a Asociación para o Fomento da Investigación e Educación Médica (Afiemed) fundada en 2007 na Facultade compostelá de Medicina, é que a actividade investigadora e o desenvolvemento científico poidan traducirse, no futuro, nunha mellora das capacidades técnicas e humanas dos médicos e investigadores e, consecuentemente, “no avance e no descubrimento de novas e máis eficaces terapias e vías de tratamento en aras de mellorar o servizo prestado aos pacientes e á comunidade”.

The contents of this page were updated on 10.28.2008.