Skip to main content

A USC potencia a participación da muller no emprendemento universitario

O I Emporium Woman Emprende terá lugar os días 23 e 24 de outubro no Colexio de Fonseca

Potenciar a participación da muller no emprendemento universitario é o eixo central do I Emporium Woman Emprende 2008 que se celebrará os días 23 e 24 de outubro no Colexio de Fonseca da USC. A inauguración das xornadas presídea a ministra de Ciencia e Innovación Cristina Garmendia que estará acompañada polo presidente da Xunta de Galicia Emilio Pérez Touriño e o reitor da USC Senén Barro.
As sesións centraranse nos procedementos e metodoloxías de traballo que incrementen no futuro o número de vocacións empresariais femininas, dun xeito acorde coas cuotas de participación das mulleres nas Universidades.
Entre os obxectivos do encontro organizado pola USC, a través do programa Uniemprende, destaca a creación da Rede Woman Emprende e a formación do Fondo Woman Emprende de Capital Risco, destinado especificamente ao financiamento de spin-offs promovidas por mulleres.
Redes de colaboraciónPara o establecemento de redes de colaboración entre universidades e institucións, as mesas de debate mostrarán referentes de empresas promovidas por mulleres xa en marcha e con éxito. Tamén profundarán na responsabilidade social das mesmas facendo fincapé en criterios de produción sostible, o respecto ao contorno, o medio ambiente ou a creación de lugares de traballo confortables sen esquecer o beneficio económico.
Outro dos temas a abordar é a conciliación da vida laboral, persoal e familiar nas spin-offs universitarias porque é frecuente que este tipo de empresas estean promovidas por xente nova, con proxectos persoais e profesionais ao mesmo tempo.
O empredemento feminino internacional, as mulleres ao fronte das universidades ou o sistema financeiro e responsabilidade social son outros tres aspectos a estudar durante as xornadas nas que participarán as reitoras das Universidades de Málaga, Illes Balears, Girona e Sao Paulo ou expertas de Suecia e Chile, entre outros moitos especialistas no eido.

The contents of this page were updated on 10.17.2008.