Representantes da Universidade de Nantes e da USC intercambian experiencias no deseño dos novos graos en Filoloxía
Intercambiar experiencias de cara a coñecer o novo modelo de estudos filolóxicos da Universidade de Nantes é o obxectivo da visita institucional que estes días unha delegación da institución francesa esta a desenvolver na USC. Trátase dunha iniciativa desenvolvida pola Vicerreitoría de Relacións Institucionais coa Facultade de Filoloxía da USC.
Ademais, as xuntanzas que a ex vicerreitora de Relacións Internacionais, a catedrática de Lingüística Olga Galatanu, e o director do director do Institut de Recheerche e Formation en Français Langue Étrangère (IRFFLE), Loïc Fravalo, están a manter na USC permitirán profundar en proxectos conxuntos de investigación, docencia e intercambio de estudantes e profesores.
O programa da estadía comezou este martes 21 cunha visita á Facultade de Filoloxía onde se celebrou un seminario de traballo co equipo decanal, representantes do Centro de Linguas Modernas e do profesorado do centro no que se lles presentou e explicou o funcionamento do IRFFLE. O mesmo martes, a partir das 17:00 horas, manterán un encontro cos integrantes do grupo Francion, que se repetirá ao día seguinte.
Para rematar a estadía, Olga Galatanu ofrecerá este mércores 22 a partir das 12:00 horas na mesma Facultade a conferencia ‘Os marcadores discursivos afectivos en francés e en español’.
Exposición de anteproxectosA visita coincide coa exposición pública dos anteproxectos dos graos en Filoloxía Clásica, en Lingua e Literatura Españolas, en Lingua e Literatura Galegas e en Lingua e Literatura Inglesas da USC. Neste senso, a Vicerreitoría de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior mantén aberto ata o próximo 31 de outubro o prazo para a presentación de alegacións aos anteproxectos.
As alegacións pódense facer chegar mediante correo electrónico ao enderezo zfixdeca [at] usc.es (zfixdeca[at]usc[dot]es) ou por correo ordinario ao Decanato da Facultade de Filoloxía (Avda. Castelao, s/n. Campus Norte. Santiago).