Skip to main content

Unhas xornadas en Dereito analizarán as particularidades xurídicas derivadas da investigación biomédica

Comezan este xoves 6 coa intervención do catedrático Ángel Carracedo e do director xeral de Terapias Avanzadas e Transplantes do Ministerio de Sanidade

O avance da investigación biomédica, á marxe da súa importancia para o benestar social, abre no ámbito xurídico unha serie de interrogantes ás que as xornadas ‘Investigación Biomédica e Dereito Privado’ procuraranlle unha resposta especializada. Este encontro celebraranse no Salón de Graos da Facultade de Dereito o xoves 6 e o venres 7. O programa comezará o día 6 ás 10:15 horas coa intervención do catedrático da USC Ángel Carracedo e do director xeral de Terapias Avanzadas e Transplantes do Ministerio de Sanidade, Augusto Silva, co relatorio ‘A investigación biomédica: novas oportunidades e algúns riscos’.
Organizadas pola USC e a Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas), nas xornadas intervirán prestixiosos xuristas, científicos e profesionais sanitarios dispostos a debater e poñer en común os problemas que, dende un punto de vista xurídico, xeran na actualidade cuestións coma os estudios xenéticos (probas biolóxicas de paternidade, estudios de predisposición a certas enfermidades, ...), a cesión de mostras biolóxicas, a doazón de preembrións, ovocitos ou sangue do cordón umbilical ou mesmo a clonación con fins terapéuticos.
As xornadas propiciarán unha interpretación do marco legal actual da investigación en Biomedicina, tanto no ámbito estatal (especialmente o referente á Lei 14/2007, de 3 de xullo) coma no Dereito comparado. Tamén se tratarán temas como a especial protección da que haberán de ser obxecto menores ou incapaces coma suxeitos da investigación biomédica, os dereitos sobre as mostras biolóxicas, a propiedade intelectual e o dereito de patentes en materia de biomedicina e biotecnoloxía, o tratamento xurídico das probas xenéticas ou a relevancia dos seguros de responsabilidade civil aplicados a esta materia.
O encontro diríxese, ademais de aos alumnos de Dereito, Medicina, Bioloxía, Farmacia e Enfermaría, a todos os profesionais tanto do ámbito do Dereito coma da sanidade que poidan estar interesados. Están dirixidas pola profesora da USC Ana Díaz Martínez e pola directora da Fegas, Berta Rivera Castiñeira, coa coordinación da profesora de Aplicación das TICs ás fontes do Dereito, Carmen Fernández Santiago. A inscrición para estar xornadas é gratuíta.

The contents of this page were updated on 11.05.2008.