Skip to main content

O consello reitor do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago constituíuse este venres no CHUS

O consello reitor do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago constituíuse este venres no CHUS
O consello reitor do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago constituíuse este venres no CHUS

O consello reitor do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago celebrou este venres no CHUS a súa reunión constitutiva presidida pola conselleira de Sanidade, María José Rubio, e coa participación do reitor da USC, Senén Barro, como vicepresidente.
Integran este consello reitor por parte da universidade compostelá o decano da Facultade de Medicina, José Mª Fraga, e os catedráticos de Fisioloxía, Fernando Domínguez, e de Ciencias Morfolóxicas, José Luis Labandeira, mentres que en representación da consellaría participarán o xerente do CHUS, Jesús Caramés; o presidente do Comité de Investigación do mesmo centro, Arturo González; o xefe da sección de Neuroloxía, José Castillo, e a vicexerenta da Fundación Idichus, Mª Jesús Castro. O director científico do Instituto, o profesor Carlos Diéguez, tamén forma parte deste consello reitor con voz pero sen voto.
O Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago foi creado o pasado 31 de xaneiro coa intención de integrar a investigación sanitaria, optimizar recursos e trasladar coa maior axilidade os resultados das investigacións á práctica clínica. Xunto ao de Santiago, creouse tamén un na Coruña, e proximamente haberá outro en Vigo. Galicia é a terceira Comunidade Autónoma en contar con este tipo de centros. De feito só existe un en Sevilla e outro en Barcelona. Galicia será, polo tanto, a primeira en contar con máis dun Instituto de Investigación Sanitaria.
A creación deste Instituto busca a aproximación e integración harmónica da investigación básica, clínica e de saúde pública e a súa transferencia e aplicabilidade na práctica médica. Ademais permitirá potenciar ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago como centro de investigación no que se identifican as lagoas de coñecemento, se xeran proxectos para respondelas, se leva adiante a investigación e se produce a transferencia do coñecemento tanto na prevención, como no diagnóstico e no tratamento.

The contents of this page were updated on 06.20.2008.