Skip to main content

O Camiño de Santiago e o xaponés de Kumano, na Igrexa da Universidade

A Igrexa da Universidade acolle ata o 26 de outubro unha mostra fotográfica sobre dous rutas de peregrinaxe que son Patrimonio da Humanidade, como o Camiño xaponés de Kumano e o de Santiago. A inauguración tivo lugar este xoves nun acto presidido polo vicerreitor de Cultura, Elias J. Torres, que estivo acompañado polo conselleiro de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, Fernando Blanco, e o gobernador de Wakayama (Xapón), Nisaka Yoshinobu.
A exposición ‘Kumano-Santiago, Camiños de Peregrinación’, organizada pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e a Prefectura de Wakayama coa colaboración da Vicerreitoría de Cultura da USC, presenta unha colección de fotografías en branco e negro constituíndo unha síntese dos valores espirituais, culturais e paisaxísticos dos camiños de Kumano (Xapón) e de Santiago.
A poética visión destas dúas rutas de peregrinación faise a través da visión de dous artistas de gran sensibilidade. Por unha banda, o toquiota Tomohiro Muda, autor da serie sobre o Camiño xacobeo e a cidade de Santiago, e, por outra, o galego Luis Ocaña, responsable das fotografías sobre o Kumano Kodo, templos, santuarios e lugares espirituais dunha paisaxe cultural única no mundo.
Con esta exposición, a Xunta de Galicia e o Goberno de Wakayama, en colaboración coa USC, formulan unha nova proposta de traballo conxunto de promoción dos seus respectivos camiños de peregrinaxe, irmandados dende hai varios anos.
‘Kumano-Santiago, Camiños de Peregrinación’ poderá visitarse de martes a sábado de 11 a 14 horas e de 17 a 20:30, e os domingos de 11 a 14 horas. Os luns permanecerá pechada.

The contents of this page were updated on 10.03.2008.