A programación cultural 'Espazos' desenvolverá novamente este curso formación nas especialidades de teatro, música, danza e fotografía
O vicerreitor de Cultura, Elías Torres, presentou en rolda de prensa o programa cultural e formativo previsto para o curso 2008/09 no Campus de Lugo nas especialidades de teatro, danza, fotografía e música. Durante o acto, estivo acompañado polos responsables das distintas disciplinas culturais, Paloma Lugilde, Juan Carlos Zahera, Eduardo Ochoa e Roberto Salgueiro, que explicaron as liñas xerais da programación.
As actividades, que se organiza baixo o título ‘Espazos’, comezarán a desenvolverse en novembro combinando, como en anos anteriores, cursos formativos, dirixidos tanto a persoal universitario como non universitario; participación en festivais e actuacións de libre entrada.
Os prazos de matrícula dependerán de cada especialidade pero a partir do 3 de outubro estará aberta a inscrición para case todos os cursos, que se cubrirán por orde de solicitude. A información ofrecerase na Oficina de Cultura da USC, situada no segundo andar do número 3 da praza Pío XII.
A maior parte dos cursos están dirixidos a todos os públicos con prezos que oscilan entre os 30 e os 60 euros dependendo de se son membros da comunidade universitaria ou non. Nalgúns casos chega ata os 90 euros.
TeatroDentro do ‘Espazo de teatro’ continuarán os cursos formativos, nesta edición sobre Construción e manipulación de marionetas (decembro), Maquillaxe (novembro), Vestiario (xaneiro) e Comedia da Arte e Introdución á iluminación (abril).
Así mesmo, manteranse en activo as compañías de marionetas e de teatro da USC, nas que poderán participar tanto estudantes, como PAS e PDI e que realizarán a súa actividade entre os meses de novembro a marzo con ensaios un día á semana na primeira e dous na segunda.
A USC a través da Vicerreitoría de Cultura apoia tamén a creación de agrupacións teatrais independentes a través de axudas á produción e distribución, para as que se realizarán dúas convocatorias. Organiza tamén o Festival Internacional de Teatro Universitario no mes de marzo e colabora na Mostra de Teatro Cidade de Lugo e no programa formativo Teateatre.
DanzaO ‘Espazo de Danza’ no Campus de Lugo oferta para este período lectivo dous cursos, un de Danza contemporánea e outro de Parkour, que se celebrarán nos dous casos de novembro a marzo.
Tamén manterá a súa actividade o Grupo do Espazo de Danza da USC, no que está aberta a participación só para a comunidade universitaria. Dentro desta disciplina organízase así mesmo o 7º Encontro Universitario de Danza Contemporánea, particípase en distintos festivais e encontros de danza e se asesora na creación de grupos autónomos.
FotografíaEste ano haberá tamén novamente cursos de fotografía no Campus de Lugo, tanto de analóxica como dixital e no primeiro caso para os distintos niveis de coñecemento. Darán comezo no mes de novembro e se sucederán ata abril.
Mantense aberta tamén a posibilidade de participar no grupo de fotografía, co que se organizan saídas, rutas, cursos, encontros e grupos de traballo. O evento máis destacado do ano é a celebración do XV Maratón fotográfico do Campus, que se celebrará a segunda semana de abril.
MúsicaPara os amantes da música, o campus de Lugo conta co Grupo de Creación Musical, formado hai 11 anos e que está dirixido por Inmaculada Cárdenas. Dividido en sección electrónica e sección vocal, está aberto á participación dos membros da comunidade universitaria. Haberá cursos nas dúas seccións dende novembro e rematará cun monográfico en xaneiro.
A música ocupa un lugar destacado na programación cultural da USC, coa celebración durante o ano de distintos ciclos como ‘Músicas a carón da Mosqueira’, ‘Lubicán’, ‘Entre lusco e fusco’ e un encontro coa música experimental en maio.