Skip to main content

A chegada dos novos estudantes de Medicina celebrouse cun acto de benvida

O acto de benvida encheu a Aula Magna do centro
O acto de benvida encheu a Aula Magna do centro
No encontro, o decano Fraga Bermúdez resaltou a necesidade de "médicos máis críticos que cuestionen a realidade que os rodea"

Os novos estudantes da Facultade de Medicina recibíronse cun acto oficial de benvida no que se lles explicou a situación actual dos estudos universitarios, a organización do plan de estudos ou as futuras prácticas en centros hospitalarios.
No encontro participaron o vicerreitor de Infraestruturas, Xoán Carlos Carreira, e o de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Pló. Tamén asistiron o decano da Facultade, José María Fraga; a vicedecana e responsable de Odontoloxía, María Jesús Mora; o vicedecano José Luís Relova e a secretaria Ángela Peñalva.
No transcurso do acto, Fraga Bermúdez falou da necesidade de “médicos máis críticos que cuestionen a realidade que os rodea”. Ademais, lembrou que o alumnado deberá escoller entre rematar a Licenciatura ou pasarse ao Grao que se implantará antes de 2010.
Sobre o mesmo tema, Máximo Pló advertiu que a expedición de títulos de licenciado rematará en 2015. Así mesmo, comentou que están negociando incrementar o número de prácticas en todos os complexos hospitalarios de Galicia.
Finalmente, Carreira explicou que, para mellorar a formación médica, a Universidade está a construír unha nova Facultade no Campus Sur e abrindo novos centros de investigación sobre o campo da saúde. Así mesmo, durante a benvida, os estudantes resolveron as súas dúbidas e logo coñeceron as instalacións do centro.

The contents of this page were updated on 10.01.2008.