Skip to main content

Un total de 20 alumnos de ESO e Bacharelato participarán este ano na segunda edición do programa INITIA

Os estudantes darán os seus primeiros pasos no mundo da investigación en equipos de traballo do Campus de Lugo dende a próxima semana

Un grupo de 20 alumnos de ESO e Bacharelato de oito Institutos de Lugo comezarán a próxima semana a realizar as súas prácticas no campo da investigación no Campus lugués dentro do programa INITIA, posto en marcha pola USC e a Sección Ibérica de Sigma Xi e apoiado na súa segunda edición polas Consellarías de Educación e de Innovación e Industria.
O programa presentouse este luns na Escola de Formación do Profesorado de Lugo por parte do vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto, que estivo acompañado polo delegado provincial da Consellaría de Educación, Luis Manuel Álvarez Martínez; a vicerreitora adxunta de Oferta e Xestión Académica, Begoña Barreiro, e o presidente da Sección Ibérica de Sigma Xi e coordinador do programa, Urbano Fra. No acto estiveron presentes tamén os participantes na primeira edición, oito alumnos de catro centros de ensino Secundario, e os que se sumarán a esta iniciativa neste segundo ano, ademais do persoal docente e investigador da Universidade.
INITIA naceu como unha proposta do presidente da Sección Ibérica de Sigma Xi para iniciar aos alumnos de ensino medio na actividade investigadora. Tras a firma do protocolo, este ciclo iniciouse durante o pasado curso escolar co obxectivo de darlles a coñecer aos rapaces o proceso da investigación científica, interesalos pola ciencia e a tecnoloxía, e amosarlles as instalacións e a infraestrutura do Campus lugués.
Nesta segunda edición dez profesores de distintos grupos de investigación do Campus intégranse no programa, moitos deles repetindo a experiencia do ano pasado. Os centros implicados son as escolas Politécnica Superior e de Formación do Profesorado e as Facultades de Ciencias, Administración e Dirección e Empresas e Veterinaria.
Os alumnos participantes este ano pertencen aos niveis de cuarto de ESO e dos dous cursos de Bacharelato de oito dos nove IES existentes actualmente en Lugo. Cada actividade ten un programa propio de investigación, de modo que periodicamente os alumnos asisten aos laboratorios para traballar cos investigadores na realización das distintas tarefas.
Na presentación do luns, tres alumnos do programa da primeira edición, Eloy Rubiños, Lidia Couso e Anyhela Lozada falaron da súa experiencia e recibiron os diplomas por parte dos representantes da Administración
PremioO Programa INITIA foi premiado o mes pasado no Museo de Ciencia de Valladolid cunha mención de honra na modalidade de Ciencia e Tecnoloxía no concurso internacional Ciencia en Acción, en recoñecemento do seu labor en prol da difusión da ciencia e a tecnoloxía.
Este concurso é unha iniciativa organizada anualmente polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), a Real Sociedade Española de Física (RSEF), a Real Sociedade Matemática Española (RSME) e a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED). O obxectivo de Ciencia en Acción é servir de estímulo para achegar a ciencia aos cidadáns e aos estudantes en particular, ademais de involucrar a investigadores e educadores en actividades de divulgación científica.
Sigma Xi The Research Scientific Society, coordinadora do programa, é unha sociedade científica fundada en 1886 con máis de 60.000 membros en todo o mundo, que inclúen 200 premios Nobel, e con 500 seccións, que busca a interacción entre o universo da investigación e a sociedade, promovendo o interese polo avance científico e tecnolóxico.

The contents of this page were updated on 10.13.2008.