Skip to main content

A terceira edición do programa ConCiencia presentarase este martes

Organizado pola USC coa colaboración do Consorcio de Santiago e a Fundación Caixa Galicia, o programa trae á cidade a persoeiros da máxima relevancia científica, a maioría deles Premios Nobel

O programa ConCiencia desenvolverá ao longo dos meses de outubro e novembro a súa terceira edición organizado pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración co Consorcio de Santiago e a Fundación Caixa Galicia. O programa previsto para esta edición de ConCiencia presentarano en rolda de prensa este martes, día 14, o reitor da USC, Senén Barro; o presidente do Consorcio, Xosé Sánchez Bugallo; o director de Acción Social de Caixa Galicia, José Manuel García Iglesias; e o coordinador do programa, o profesor da USC Jorge Mira. A presentación celebrarase na sede da Fundación Caixa Galicia (r/ do Vilar, 19) nun acto que dará comezo ás 11:30 horas.
Nas pasadas dúas edicións participaron en ConCiencia os Premios Nobel de Física en 1986, Heinrich Rohrer; de Medicina e Fisioloxía en 1981, Torsten N. Wiesel; de Química en 1991, Richard R. Ernst; de Física en 2004, Frank Wilczek; de Economía en 1994, John Nash; o de Medicina en 1989, Harold Varmus; así como o Premio Abel en 2005, Peter Lax, e Michael F. Atiyah, merecedor da Medalla Fields.
Difundir entre a cidadanía a importancia que merece o saber científico como unha forma máis de cultura, ao tempo que intercambiar coñecementos entre a comunidade científica galega e as personalidades máis sobresalientes do ámbito internacional, é o obxectivo do Programa ConCiencia que dende 2006 trouxo á cidade a persoeiros da máxima relevancia científica, a maioría deles Premios Nobel ou recoñecidos cos galardóns equivalentes nas súas respectivas disciplinas.

The contents of this page were updated on 10.13.2008.