Skip to main content

O 30 por cento dos matriculados en oito materias da ETSE elixen a opción de cursalas en inglés

A Escola inicia esta experiencia cun alto grao de participación

Co apoio da Vicerreitoría de Relacións Institucionais e como parte do Plan de Internalización da USC, a Escola Técnica Superior de Enxeñaría está a impartir oito materias en inglés nunha iniciativa na que participan, de maneira voluntaria, o 30 por cento dos seus estudantes, dato que o director da Escola, Juan Lema, valora como “moi positivo”. De feito, nunha enquisa realizada a comezos deste curso, a metade dos alumnos de novo ingreso manifestaron o seu desexo de recibir docencia en inglés, o que levou á Escola a contemplar a posibilidade de ampliar a oferta de cara ao ano que vén.
Concretamente, impártense nese idioma tres materias da titulación de Enxeñaría Química, outras tantas de Enxeñaría Técnica de Informática de Sistemas e dúas do Máster en Enxeñaría Ambiental, todas elas materias troncais e optativas que continúan a cursarse en galego, como ata agora.
Tamén se prevé, nunha colaboración entre a Vicerreitoría e a Escola, pór en marcha este curso un programa complementario de formación de docentes. Así, dez profesores recibirán aulas de inglés técnico e didáctico para poder incorporar ese idioma á súa rutina académica, iniciativa á que xa outros vinte se mostraron dispostos a unirse.
A este respecto, Lema salienta o “grande esforzo e entusiasmo” dos docentes nunha iniciativa que “non só supón coñecer o idioma senón ademais desenvolver de novo todo o material didáctico e programático”.

The contents of this page were updated on 10.10.2008.