O ministro de Pesca de Mozambique visita este sábado as instalacións do LHICA, na facultade de Veterinaria
O ministro de Pesca de Mozambique, Cadmiel Filiane Muthemba, visitará este sábado 11 as instalacións do Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos da Facultade de Veterinaria (o LHICA), que dirixe o profesor Alberto Cepeda.
A visita organizouse no último momento, aproveitando que o mandatario do país africano estivo estes días na X Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados (Conxemar), que se celebrou en Vigo.
O ministro mostrou o seu interese en visitar este centro xa que actualmente no laboratorio están a realizar o seu doutoramento varios cidadáns de Mozambique, en virtude a un acordo de colaboración entre a USC e as universidades dese país.
A visita dará comezo ás 12:00 horas, aproximadamente, e consistirá nun percorrido polas instalacións do laboratorio, onde terá ocasión de falar cos doutorandos. Estará acompañado polo vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Agustín Merino.
O LHICA pertence á Universidade de Santiago de Compostela, adscrito ao departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía cunha área de traballo ampla en todo o relacionado coa alimentación. Está estruturado en dúas partes claramente diferenciadas. Por unha banda ten un área de servizos dirixidos ao exterior da universidade, realizando análises, servizos de I+D especializado e asesoramento técnico para empresas, administracións ou entidades diversas; e a outra céntrase na investigación, levada a cabo por persoal, tanto licenciado como en situación posdoutoral.
Realízase nesta laboratorio unha investigación tanto básica como aplicada, utilizando neste último caso moitas técnicas analíticas que foron validadas a partir de traballos de investigación realizados previamente nestas instalacións. Así mesmo, levan adiante estudos en colaboración con outros centros nacionais e internacionais como a Universidade Complutense de Madrid, a Universidade de París 11 e la Universidade Politécnica de Valencia.