Skip to main content

Comezan as segundas Leccións Xacobeas na USC

Inaugúranse este mércores ás 10:30 horas no Paraninfo da Universidade

As segundas ‘Leccións Xacobeas: Tras o legado do Apóstolo Santiago’ inaugúranse este mércores, día 15, ás 10:30 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) analizando os piares básicos da investigación sobre o Camiño. Á apertura asistirán o vicerreitor de Cultura, Elias J. Torres; o director xeral de Turismo, Rubén Lois; o xerente do Xacobeo, Ignacio Rodríguez; o deán da Catedral de Santiago, Xosé María Díaz; e o director do curso Miguel Taín Guzman.
Promocionar a investigación e o coñecemento da peregrinación a Santiago entre o alumnado da USC e os cidadáns composteláns é o obxectivo principal das sesións formativas que contan cun total de quince conferencias impartidas por investigadores de universidades, centros e institutos de investigación nacionais e internacionais. As Leccións, que se celebrarán ata o sábado 18, promóveas a Universidade de Santiago, o Xacobeo, a Dirección Xeral de Turismo e o Cabildo da Catedral de Santiago.
Programa de conferenciasLogo da inauguración, a xornada continuará ás 12:00 horas coa conferencia do deán da Catedral titulada ‘Códice Calixtino: predominio litúrxico’. Xa pola tarde, a partir das 16:00 horas os catedráticos Ofelia Rey e Ramón Villares pronunciarán os relatorios ‘O voto de Santiago: crónica dunha disputa’ e ‘A segunda invención de Santiago’, respectivamente.
Ao día seguinte abordaranse as novas liñas de investigación sobre a temática xacobea, como as peregrinacións na Idade Moderna, a publicidade sobre o Camiño de Santiago, a invención da arquitectura xacobea e a presenza de Santiago na cidade de Roma, a cargo dos profesores Domingo González Lopo, Federico López Silvestre, Alfredo Vigo Trasancos e Rosa Vázquez Santos.
As leccións do 17 correrán a cargo de destacados investigadores e expertos estranxeiros. Concretamente o historiador Klaus Herbers tratará sobre relatos escritos por camiñantes e os arquitectos Bern Nicolai e Klaus Rheidt analizarán o Pórtico da Gloria e a portada occidental da Catedral de Santiago. O profesor italiano Benedetto Vetere, catedrático de Historia Medieval da Universidade de Lecce, disertará sobre a peregrinación en Europa e o Mediterráneo e Vincenzo Pacelli, catedrático de Historia da Arte da Universidade Federico II de Nápoles explicará La iglesia de San Giacomo degli Spagnoli en Nápoles.A xornada final dedicarase á actualidade do Camiño, protección, asociacionismo e novos proxectos coa participación de Antonio Roma Valdés, fiscal especialista en Patrimonio Histórico; Felipe Arias Vilas, director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia; José Antonio de la Riera, presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago; e Ignacio Rodríguez Eguíbar, director xerente da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo. Alternando coas conferencias, están previstas visitas guiadas ao Museo, Arquivo e cubertas da Catedral.

The contents of this page were updated on 10.14.2008.