Skip to main content

Abre na Facultade de Veterinaria a exposición que recolle as mobilizacións estudantís do 68 en Compostela

Un momento da inauguración, que tivo lugar o xoves 5 na Facultade de Veterinaria
Un momento da inauguración, que tivo lugar o xoves 5 na Facultade de Veterinaria
A mostra Do Gaudeamus Igitur ao Venceremos Nós poderá visitarse neste centro ata o 6 de xullo

Destacadas personalidades da vida cultural e política luguesa participaron na inauguración da mostra Do Gaudeamus Igitur ao Venceremos Nós. As mobilizacións estudiantís do 68 en Compostela, que permanecerá na sala de exposicións Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria ata o 6 de xullo. Trátase dunha produción da Fundación 10 de Marzo en colaboración coas tres universidades galegas, as consellarías de Educación e de Cultura e a obra Social de Caixa Galicia.
O acto de inauguración estivo presidido polo vicerreitor de Cultura, Elías Torres, que estivo acompañado polos vicerreitores adxuntos de Infraestruturas e Servizos e de Investigación e Proxección Exterior, Celia Besteiro e Agustín Merino; a decana da Facultade, Ana María Bravo Moral; o responsable en Lugo da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez; o comisario da mostra, Ricardo Gurriarán, e Víctor Santidrián en representación da Fundación 10 de marzo.
Tal e como explicou Elías Torres durante a inauguración, a mostra susténtase nun intenso labor de documentación que levou a cabo Ricardo Gurriarán, o seu comisario, que tirou información de numerosos arquivos ademais das duascentas horas de gravación que realizou aos protagonistas da época.
Durante o acto, no que estiveron presentes un grande número de profesores do Campus de Lugo, o comisario explicou brevemente a cronoloxía do conflito e destacou o papel que tivo Lugo durante este tempo, en especial os profesores e alumnos daquela época.
A mostraPartindo da explicación do que eran en 1968 a cidade de Santiago e a USC, chégase na montaxe a unha pormenorizada explicación dos sucesos estudantís do curso 1967/1968 na universidade galega, xurdidos dun intenso activismo que cuestionaba ás autoridades académicas e, por extensión, á ditadura franquista.
Así, o material exposto ofrece unha análise dos elementos que alicerzaron as mobilizacións estudiantís posteriores, con especial énfase na dicotomía entre a cultura oficial e a cultura alternativa promovida polos estudantes ou por institucións alleas á universidade; a incipiente presenza das clandestinas forzas antifranquistas, ou os acontecementos ocorridos noutros lugares a prol da democratización das estruturas universitarias.
O conxunto expositivo pon de manifesto a solidariedade da sociedade galega e leva ao visitante ata o nacemento de Voces Ceibes, ás asembleas universitarias, ao peche da Facultade de Filosofía e Letras, á represión sobre os líderes estudantís ou a actitude do profesorado, entre outros aspectos. A exposición recolle todo tipo de documentación recuperada no proceso de investigación, como carteis, fotografías, boletíns universitarios, prensa legal e clandestina, fichas policiais ou informes gubernativos, entre outros.
Ademais, co obxecto de achegar máis ao visitante a esta época reprodúcese un cuarto de estudantes no que o visitante poderá atoparse con obxectos típicos da época, como prensa, con exemplares de Signo, Triunfo, ou Cuadernos para el Diálogo; carteis; discos; roupa ou aparellos da vida cotiá daqueles tempos.

The contents of this page were updated on 06.06.2008.