Skip to main content

O comisario da exposición das mobilizacións estudiantís do 68 en Compostela realizará o xoves unha visita guiada

O comisario da exposición Do Gaudeamus Igitur ao Venceremos Nós. As mobilizacións estudiantís do 68 en Compostela, Ricardo Gurriarán, realizará este xoves 12, ás 18:00 horas, unha visita guiada pola mesma á que están invitadas a participar todas aquelas persoas que o desexen. A mostra pode visitarse na sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria ata o 6 de xullo. Trátase dunha produción da Fundación 10 de Marzo en colaboración coas tres universidades galegas, as consellarías de Educación e de Cultura e a obra Social de Caixa Galicia.
A mostra susténtase nun intenso labor de documentación que levou a cabo Ricardo Gurriarán, o seu comisario, que tirou información de numerosos arquivos ademais das duascentas horas de gravación que realizou aos protagonistas da época. Partindo da explicación do que eran en 1968 a cidade de Santiago e a USC, chégase na montaxe a unha pormenorizada explicación dos sucesos estudantís do curso 1967/1968 na universidade galega, xurdidos dun intenso activismo que cuestionaba ás autoridades académicas e, por extensión, á ditadura franquista.
Así, o material exposto ofrece unha análise dos elementos que alicerzaron as mobilizacións estudiantís posteriores, con especial énfase na dicotomía entre a cultura oficial e a cultura alternativa promovida polos estudantes ou por institucións alleas á universidade; a incipiente presenza das clandestinas forzas antifranquistas, ou os acontecementos ocorridos noutros lugares a prol da democratización das estruturas universitarias.
O conxunto expositivo pon de manifesto a solidariedade da sociedade galega e leva ao visitante ata o nacemento de Voces Ceibes, ás asembleas universitarias, ao peche da Facultade de Filosofía e Letras, á represión sobre os líderes estudantís ou a actitude do profesorado, entre outros aspectos. A exposición recolle todo tipo de documentación recuperada no proceso de investigación, como carteis, fotografías, boletíns universitarios, prensa legal e clandestina, fichas policiais ou informes gubernativos, entre outros.
Ademais, co obxecto de achegar máis ao visitante a esta época reprodúcese un cuarto de estudantes no que o visitante poderá atoparse con obxectos típicos da época, como prensa, con exemplares de Signo, Triunfo, ou Cuadernos para el Diálogo; carteis; discos; roupa ou aparellos da vida cotiá daqueles tempos.

The contents of this page were updated on 06.11.2008.