A Facultade de Física homenaxea ao profesor Vicente Pérez Villar con motivo da súa xubilación
O reitor da USC, Senén Barro, presidirá o vindeiro luns 16 un acto homenaxe organizado pola Facultade de Física con motivo da xubilación do profesor Vicente Pérez Villar despois de 45 anos de servizos á universidade, 35 deles na USC.
A homenaxe comezará ás 18:00 horas na Aula Magna do centro compostelán coa participación dos profesores Emilio Valadé, en calidade de compañeiro e amigo, e Vicente Pérez Muñuzuri, antigo alumno de doutoramento e membro do seu grupo de investigación.
Dende a súa xubilación en setembro de 2007, Vicente Pérez Villar forma parte do cadro de profesores eméritos da institución docente compostelá. Ao longo da súa vida universitaria desenvolveu unha intensa actividade académica, docente e investigadora, a vez que ocupou numerosos cargos académicos de responsabilidade. Destacada foi a súa participación na creación da Licenciatura de Física e dos seus plans de estudos. Así mesmo dirixiu numerosas teses doutorais, desenvolveu novas liñas de investigación e foi director de importantes proxectos de investigación.