Skip to main content

Lugo será sede por primeira vez do congreso bianual da Sociedade Española de Fitopatoloxía

Os máis de 330 congresistas participan nesta cita, organizada en Veterinaria por profesores da Escola Politécnica Superior

A Sociedade Española de Fitopatoloxía celebrará a partir do luns 15 na Facultade de Veterinaria de Lugo o seu XIV congreso. Este evento, que se realiza por primeira vez en Lugo, está organizado por un comité que preside a profesora da Escola Politécnica Superior Cristina Cabaleiro.
O congreso terá lugar a semana ata o 19 de setembro e dará comezo ás 17:00 horas do luns. Na programación prevista combinaranse distintas comunicacións orais, comunicacións por paneis, sesións científicas, mesas redondas e tamén visitas como as que se realizarán A Coruña, á cidade de Lugo ou á Ribeira Sacra.
Está prevista a participación de máis de 330 congresistas e a inscrición estará aberta ata o comezo do congreso. Os interesados en obter información sobre este evento poden facelo a través da secretaria científica, Rosa Ana Vázquez Ruiz, do departamento de Botánica da Escola Politécnica Superior, no teléfono 982 252350, extensión 22466.
En total haberá 80 comunicacións orais que estarán precedidas por un simposio co título ‘Sanidade forestal na península Ibérica’, no que participarán especialistas de Madrid, Vitoria, Portugal e Galicia. Así mesmo, destacan as conferencias que darán M. Maixner, co título ‘Current developments in the study of the epidemiology of grapevine phytoplasma diseases’, o martes ás 9:00 horas; e a de R. Martin, o xoves á mesma hora co título ‘The profession of plant pathology-A U.S. perspective’.
A Sociedade Española de Fitopatoloxía reúnese cada dous anos para celebrar os seus congresos e esta é a primeira vez que o fan en Lugo e a segunda que escollen Galicia, xa que no ano 93 reuníronse en Santiago de Compostela.
Segundo subliñan os organizadores, os temas que se tratan nos congresos teñen unha importante repercusión no mundo agrario e forestal xa que as conclusións de estudos e investigacións teñen unha aplicación directa no sector, “en especial agora que as humidades que se rexistran están a producir cambios na evolución das patoloxías e enfermidades”, engaden.

The contents of this page were updated on 09.12.2008.