Skip to main content

O pintor José María Lugilde cede ao Campus de Lugo unha das súas obras

O pintor lugués José María Lugilde fixo entrega hoxe en doazón ao Campus de Lugo do seu cadro titulado ‘O Kajaro Verdy desafía o Choramikrón’, un acrílico sobre lenzo de 150x100 centímetros, que pasa a formar parte do catálogo de obras de arte da Universidade de Santiago de Compostela.
Esta é a terceira obra que doa este artista ao Campus de Lugo, xa que no ano 2006, o 24 de novembro, xa cedeu á Vicerreitoría de Coordinación outro acrílico, ‘Lukus amamantando a Lucus’, e a escultura ‘Tribicefaliando’. Estas dúas obras están expostas no propio edificio da Vicerreitoría de Lugo.
José María Lugilde naceu no barrio da ponte en outubro de 1943 e desenvolveu os seus estudos de debuxo e pintura na Escola de Artes e Oficios da Fundación Bolaño Rivadeneira, en Lugo. No ano 1968 emigra a Brasil para traballando en distintas fábricas mentres continúa os seus estudos artísticos nas Escolas de Arte do Estado de Sao Paulo (gravado, pintura e escultura).
Participou en exposicións colectivas dende o ano 1966, tanto en España como en Brasil, e organizou as súas propias mostras dende 1975, primeiro en Brasil e posteriormente en España, onde amosou o seu traballo en distintos puntos de Galicia, Santander, Ponferrada, Oviedo, Medina del Campo, Madrid ou Zamora.
Segundo a opinión dos críticos, a súa pintura experimentou paulatinamente toda unha delirante transformación, en especial nos últimos dez anos, traspasando os límites da realidade. Pasou por tanto dunha apreciación do mundo exterior a un afondamento do seu interior subconsciente, a unha penetración do coñecemento das súas contradiccións, sumando ao discurso plástico motivos intrínsecos máis profundos. Os motivos de agora son personaxes de alegorías ou disfrazados de metáforas que teñen a súa orixe en ideas abstractas, como en fantasías, soños ou xogos do subconsciente, cunha estética na que se mestura o gusto medieval coa arte popular do cómic.
As súas obras poden clasificarse en dous grandes grupos: as de carácter simbólico e as surrealistas.

The contents of this page were updated on 09.23.2008.