Skip to main content

A elaboración eficaz do currículo e a preparación de procesos de selección, novos obradoiros da Área de Orientación Laboral

A elaboración do currículo e a preparación de procesos de selección son os temas que abordarán dous obradoiros organizados pola Área de Orientación Laboral do Campus de Santiago este mes de decembro para estudantes de últimos cursos e titulados recentes.
A primeira das iniciativas será o vindeiro día 10 de decembro para explicar aspectos relacionados coas técnicas para unha correcta redacción do currículo e da carta de presentación, os diferentes tipos que existen e a súa importancia na busca activa e eficiente de emprego.
A preparación de procesos de selección será obxecto dun segundo obradoiro o mércores 17 de decembro co obxectivo de ofrecer información sobre as principais ferramentas de selección de persoal, as súas finalidades e formas de aplicacións. No seu desenvolvemento, os participantes poderán realizar entrevistas simuladas nas que terán a oportunidade de poñer en práctica e mellorar os seus recursos e competencias de cara a futuras entrevistas de selección.
Ambas as dúas iniciativas formativas enfócanse dende o punto de vista da optimización do proceso de busca de emprego e co fin de facilitar a inserción profesional dos universitarios. As persoas interesadas deben inscribirse previamente na oficina da Área de Orientación Laboral ou por teléfono no 981.56.31.00 na extensión 12850.
Ambos os dous obradoiros son gratuítos e celebraranse en horario de 10:00 a 13:00 horas nas instalacións do Servizo de Apoio ao Emprendemento e ao Emprego (SAEE) da Vicerreitoría da Comunidade Universitaria e Compromiso Social, emprazadas en Casas Reais nº 8.

The contents of this page were updated on 12.01.2008.