O profesor José Vázquez Tato será o segundo convidado do Café Científico que se celebra este venres en Lugo
Ocatedrático de Química Física da USC, e tamén recoñecido investigador, José Vázquez Tato, será o encargado de abrir este venres 5 o segundo Café Científico meeting Point en Lugo co tema ‘Que son as ciclodextrinas e para que serven?’. Será no Café do Pousadoiro, na rúa Pascual Veiga, ás 19:00 horas. Vázquez Tato conta con trinta anos de experiencia científica no ámbito da fisicoquímica de coloides e química supramolecular, ademais de realizar actividades de divulgación científica e creación literaria.
Este café científico celebrarase cada primeiro venres de mes e tratará de temas científicos de actualidade. Busca abrir un novo espazo de comunicación entre o mundo da investigación científica e tecnolóxica e a sociedade, acercando a ciencia aos cidadáns para facela intelixible.
O café está aberto á asistencia de todos os interesados e buscará comunicar directamente e debater de forma aberta e próxima sobre ciencia, rompendo as distancias que crean outros foros de debate.
Os temas serán expostos de forma breve e sinxela para que a conversa flúa en torno das cuestións que formulen os participantes. O debate transcorrerá entre os asistentes e o convidado así como entre os propios asistentes.
O Café científico está organizado pola sección ibérica da sociedade científica Sigma Xi, The Scientific Research Society e será coordinado polo seu presidente, Urbano Fra, tamén profesor da USC.