Skip to main content

Expertos dos ámbitos legal, sanitario e psicoxurídico analizan as consecuencias das separacións e divorcios nos fillos

Comezou esta xoves o primeiro Congreso Multidisciplinar sobre Interferencias Parentais en Rupturas de Parella

O primeiro Congreso Multidisciplinar sobre Interferencias Parentais en Rupturas de Parella comezou este xoves en Santiago coa participación de corenta profesionais de recoñecido prestixio profesional e científico procedentes dos ámbitos legal, sanitario e psicoxurídico que tratarán de reflexionar sobre como acadar unha coparentalidade responsable.
Entre os días 11 e 13, este congreso centrarase na análise e valoración das consecuencias das separacións e divorcios nos fillos dende un punto de vista xurídico, médico e psicosocial. As intervencións tamén prestarán atención ao estudo daquelas intervencións institucionais e profesionais que minimicen os posibles efectos adversos aos menores e que ao tempo poidan incidir no seu benestar e axeitada maduración persoal.
A inauguración do encontro celebrouse na Escola Galega de Administración Pública coa asistencia do vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán, Santos; o vicevaledor primeiro do Pobo e responsable de temas de infancia, José Julio Fernández; o decano do Colexio de Avogados de Santiago, Evaristo Nogueira; a concelleira de Benestar de Santiago, Mar Martín; o fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela; e co-presidente da Congreso, Francisca Fariña.
O director xeral de Dereito e Entidades Xurídicas da Generalitat de Cataluña, José Pascual Ortuño, pronunciou a conferencia inaugural, titulada ‘O exercicio conxunto das responsabilidades parentais tras a separación ou o divorcio’. O programa matinal completouse coa celebración dunha mesa redonda na que se profundou nas particularidades da custodia compartida.
A sesión da tarde inclúe, entre as 16:00 e as 17:30 horas, a celebración simultánea de dúas mesas de debate sobre a relación entre interferencias parentais e síndrome de alienación parental e sobre a avaliación e intervención na ruptura de parella. As repercusións das interferencias parentais será o tema da mesa redonda que peche esta primeira sesión.
As interferencias parentais será o tema da mesa redonda que abra ás 10:00 horas o programa previsto para o venres 12 coa participación do presidente da Confederación Española de Puntos de Encontro Familiar, Xabier Moñux; o psicólogo e forense, José M. Aguilar; Adolfo Alonso Carvajal, da Fundación Child Care; o decano do Colexio Oficial de Psicólogos de Madrid, Fernando Chacón; e o presidente da Coordinadora Estatal de Psicoloxía Xurídica do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Psicólogos, Ramón Vilalta. A sesión matinal complétase cunha quenda de intervencións arredor de reflexións teórico-prácticas sobre as decisións xudiciais nas interferencias parentais.
As sesións de comunicacións da tarde, entre as 16:00 e as 17:30 horas, achegarán aos asistentes unha análise da separación e o divorcio, atendendo aos distintos protagonistas desta situación dende múltiples perspectivas. A continuación, o catedrático de Dereito Civil da Universidade de Barcelona, Francisco Rivero, reflexionará ao redor da doutrina xurisprudencial do TEDH sobre interferencias parentais tras as rupturas de parella, mentres que a profesora da Universidade de Granada Mª del Rosario Cortes dará conta das particularidades da adaptación psicolóxica dos fillos ao divorcio dos pais.
Este congreso está organizado conxuntamente pola Asociación Española Multidisciplinar de Investigación sobre Interferencias Parentales (ASEMIP), o Grupo de Investigación PS1 da Universidade de Vigo, a Unidade de Psicoloxía Forense da USC, así como pola Asociación Galega de Psicoloxía e Lei. A estas entidades e grupos súmase a colaboración de UNICEF, da Asociación Española de Psiquiatría del Niño y del Adolescente, a Asociación Española de Abogados de Familia (AEAFA), o Colexio de Avogados de Santiago, o Foro Judicial Independiente, a Xunta de Andalucía, a Fundación Child Care, a Escola Galega de Administración Pública, e o patrocinio dos ministerios de Sanidade e Consumo, de Ciencia e Innovación; das consellarías de Presidencia, Administracións Públicas, Innovación e Industria, e Xustiza; da Deputación da Coruña, e o Departament de Xusticia da Generalitat de Catalunya.

The contents of this page were updated on 12.11.2008.