Skip to main content

O Consello de Goberno somete a votación este luns os orzamentos da USC para 2009

De aprobárense, pola tarde fará o propio o Consello Social

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago reunirase este luns 22 na que é a súa última xuntanza do ano para someter a aprobación os orzamentos da institución para 2009, logo de que as liñas xerais fosen aprobadas polo Claustro a comezos de mes.
Na reunión deste órgano de goberno, a partir das 9:30 no salón reitoral de San Xerome, presentarase ademais o informe de mobilidade de estudantes entre 2004-2008 e someteranse a aprobación un total de doce novos títulos de grao adaptados ao EEES e de varias titulacións de Máster.
O regulamento de réxime interno do Observatorio do Código Ético, a convocatoria de axudas para investigación, os criterios para a avaliación do mérito docente, a normativa de concesión de licenza por ano sabático e a avaliación da actividade investigadora para o profesorado contratado a templo completo son outros puntos a tratar na xuntanza.
Consello SocialDe aprobárense os orzamentos, o pleno do Consello Social da USC someteraos esa mesma tarde, a partir das 16:30 na súa sede na Casa da Concha, á súa votación definitiva. Nesa xuntanza trataranse outros asuntos tales como os seus propios orzamentos para 2009, os informes sobre a creación de titulacións de grao e de másteres oficiais, as taxas de cursos de posgrao, a proposta de asignación de complementos retributivos autonómicos ou o informe sobre modificación da relación de postos de traballo do PDI.

The contents of this page were updated on 12.19.2008.