"A construción da identidade e cidadanía constitúe un dos maiores desafíos aos que se enfronta a actual democracia"
“A construción de identidades e a formación da cidadanía constitúen un dos maiores desafías aos que se enfronta a democracia e a educación na actualidade”, explica o profesor da USC Francisco Rodrígez Lestegás, responsable da obra Identidade y Ciudadanía. Reflexiones sobre la construcción de identidades que recentemente publicou a Editorial Horsori. No libro seis expertos da Universidade de Santiago reflexionan sobre dita cuestión dende a filosofía, teoloxía, filoloxía e ciencias sociais.
En todos os estudos sobresae a educación do individuo na súa dobre condición de persoa e cidadán, o que Lestegás considera “requisito esencial que capacita para o exercicio igualitario dunha cidadanía activa”.
O desenvolvemento integral da persoa segundo o pensamento filosófico orteguiano é o punto de vista que abre esta obra colectiva. Con este traballo, José Huerta García pronúnciase a favor da Teoloxía no eido académico curricular. O capítulo redactado por Luis Manuel García trata a identidade social do cristianismo tendo en conta os cambios culturais que resituaron o fenómeno relixioso e a mesma identidade no seu conxunto.
Á luz da teoría da recepción e do paradigma de xénero, Aurora Marco analiza o mito de Penélope na obra de seis creadoras de textos poéticos e narrativos. Dende a mesma disciplina, Araceli Herrero escribe sobre a recepción literaria e identidade de xénero no que afirma a importancia da lectura e formación para a muller nova do XIX. Destaca a educación como única vía para acadar a autonomía e pon como exemplo a Pardo Bazán. Tamén Bieito Silva profunda no papel da literatura e da súa ensinanza na creación de identidades nacionais.
Para finalizar, pecha a obra Francisco Rodríguez facendo unha lectura crítica da identidade territorial e apuntando que a identificación do cidadán como membro dunha comunidade xeograficamente determinada mudou coas circunstancias aparecidas no escenario europeo.