Skip to main content

Empresas do sector TIC asesorarán na elaboración do novo grao en Enxeñaría en Informática da USC

O vindeiro luns 14 terá lugar a primeira reunión da Comisión Asesora Externa de Empresas do novo Grao en Enxeñaría en Informática da USC na que participan organizacións representativas dos diferentes perfís do enxeñeiro en informática. Así, forman parte dela R, Televés, Bren Entertainment, Caixa Galicia, Altia, Coremain, Tecnocom, Softtek, Imaxin Software, FINSA, Consellaría de Sanidade, IBM e HP, ademais do director do Centro de Investigación de INTEL en Barcelona e os presidentes dos Colexios Profesionais de Enxeñeiros e Enxeñeiros Técnicos en Informática de Galicia.
Coa reunión, que terá lugar a partir das 11:30 horas na Sala de Xuntas 3.1 da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, e o seu obxectivo preténdese que as empresas trasladen á comisión redactora as necesidades formativas tanto en competencias técnicas coma noutras habilidades do futuro graduado en Enxeñería en Informática. A reunión permitirá recoller as opinións dos empregadores do sector TIC para asegurar que os estudantes que cursen o novo programa formativo teñan mais posibilidades de éxito na súa inserción laboral.
A participación de axentes externos é un elemento estratéxico na elaboración deste novo programa. Ademais do citado panel de empresas, na propia comisión de redacción participan tres profesionais do sector TIC (empresas, asociacións profesionais e centros tecnolóxicos), ademais de sete docentes da USC.
Por outra banda, a Comisión Redactora conta tamén coas achegas dun panel externo de académicos formado por tres catedráticos das universidades de Granada, Complutense de Madrid e Castela-A Mancha, con recoñecida experiencia en avaliación e acreditación de títulos relacionados coas TIC, así como polo director da titulación Enxeñaría en TIC do Instituto Tecnolóxico de Monterrey.

The contents of this page were updated on 07.11.2008.