Aberta a inscrición para a cuarta edición do ciclo formativo Teateatre
A vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos da USC, Celia Besteiro, participou este mércores na presetación da IV edición do ciclo formativo Teateatre, organizado conxuntamente polo Concello de Lugo, a USC, a Escola de Arte e Lecer e Palimoco Teatro.
No acto participaron tamén a concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo; o coordinador de Palimoco Teatro, Alberte Viveiro; e a directora da Escola de Arte e Lecer, Asunción Fernández.
Esta cuarta edición do Teateatre oferta tres cursos de formación dramática para profesionais e afeccionados co obxectivo de servir de foro de encontro, formación e creación para actores e ‘amateurs’ do teatro.
Os cursos desenvolveranse durante os meses de xullo e agosto na Aula de Teatro e Danza da USC e no Centro Sociocultural de Fingoi. A reserva de praza realizarase chamando ao teléfono de Palimoco Teatro: 678 797 434 (de 12:00 a 15:00 horas). O prazo para inscribirse permanecerá aberto ata unha semana antes do inicio de cada curso.
O director de escena e profesor de voz e linguaxe, Vicente Fuentes, impartirá o primeiro dos seminarios, que se celebrará entre o 25 e o 29 de xullo, dedicando a quenda de mañá a traballar o corpo e a voz e a de tarde á realización dun laboratorio de voz. Baixo o nome de O corpo da voz, as 35 horas de formación teñen un custe de 160 euros e se celebrarán na Aula de Teatro da USC.
O segundo dos cursos será impartido por Tatiana Rodríguez Vázquez, guionista de cine, televisión e teatro. Baixo o título Guión. Comeza a aventura, e entre o 4 e o 7 de agosto, explicará aos asistentes as técnicas para crear dende unha idea unha boa historia que contar e representar. Este curso terá un custo de 140 euros e impartirase de 16:00 ás 20:00 horas no Centro Sociocultural de Fingoi.
O derradeiro curso, Estudo da presenza do actor. Construción da personaxe será impartido pola actriz e profesora do Movemento e Dramaturxia do Movemento, Isabel Úbeda, entre os días 25 e 29 de agosto en horario de 9:00 a 13:00 horas ou de 16:00 a 20:00 horas no Centro Sociocultural de Fingoi A inscrición é de 160 euros.
Durante a presentación, a vicerreitora lembrou que esta cita “está plenamente asentada na programación cultural” e que USC síntese moi orgullosa de colaborar nesta iniciativa, “en especial pola atención que se lle está prestando ao teatro por parte da Vicerreitoría de Cultura, que mantén dous grupos de teatro”.